Desde hai un mes, usuarios da piscina municipal de Moaña están a notar como a empresa concesionaria do servizo, FCC-Aqualia, non realiza os labores de mantemento necesarias para manter as instalacións nun estado de conservación e uso adecuado. A deterioración comezou, explican, cando a persoa de mantemento colleu a baixa sen ser substituída por ningún outro empregado. Desde entón, todo foi a peor.
«É un noxo. As duchas non funcionan, a auga ou che queimas ou che conxelas, hai pingueiras que encharcan o chan e as máquinas do ximnasio non funcionan e provocan cortes de luz», explican varias persoas afectadas por esta situación. María Isabel González é unha delas, quen explica que, ademais, a semana pasada «a auga estaba turbia por falta de cloro», o que se suma a que a temperatura apenas pasa dos 24 graos. Portas rotas, como a da sauna que non pecha, ou chans levantados son outras das deficiencias que teñen que soportar os usuarios deste centro. O colmo foi que a dirección decidiu recortar o servizo e pechar todos os días de 14:00 a 16:00 horas, o que supoñerá tamén un recorte de persoal.
Ante esta situación, da que informaron ao goberno local a través dun escrito, decidiron mobilizarse. Tanto eles como o persoal de traballadores do centro deportivo. Desde o luns da semana que vén levarán a cabo concentracións diante da piscina e tamén do Concello para pedir melloras e, no ámbito laboral, «rexeitar a modificación substancial dás condicións de traballo á metade do persoal desta instalación municipal por parte da empresa concesionaria da xestión, FCC-Aqualia».
Mobilizacións ante o Concello e o Centro Deportivo
O peche de 14:00 a 6:00 horas de luns a venres pola tarde vai afectar a 8 dos 16 empregados/as, que verán mermados os seus ingresos, como ao propio servizo que se presta.“Todo isto coa complicidade e a conivencia do Goberno local, favorecendo así os interesas empresariais en detrimento das persoas traballadoras”, segundo denuncia Pedro Pérez, da CIG-Servizos.
En consecuencia, o delegado de persoal do Centro que xestiona FCC-Aqualia, pertencente á CIG, comunicou a convocatoria de mobilizacións do 21 ao 25 e do 28 ao 30 de novembro, que consistirán en concentracións diante da instalación, na rúa Vila de Pedroso, de 11:00 a 12:00 horas, con posterior manifestación até o Concello, onde haberá unha nova concentración de 12:15 a 13:00 horas.