A Mesa de Contratación valorou a proposta con 95 puntos sobre 100, tendo en conta o prezo, o consumo enerxético e a calidade da decoración prevista
O Concello de Marín avanza na preparación das festas de Nadal coa proposta de adxudicación do contrato de subministración e instalación do alumeado á empresa Tecmodeco, S.L., por un importe de 108.900 euros, IVE incluído.
A Mesa de Contratación, reunida o pasado 28 de outubro, avaliou a documentación e a oferta económica presentada pola empresa, que obtivo unha puntuación total de 95 puntos sobre 100.
Unha decoración coordinada entre as rúas e os espazos públicos
A valoración técnica tivo en conta a coordinación da iluminación e da decoración entre as distintas rúas e zonas, así como a modernidade dos elementos e a súa adecuación aos espazos nos que se instalarán.
Tamén se avaliaron a innovación e a variedade das propostas, procurando evitar a repetición de elementos de anteriores edicións ou garantindo que, de reutilizarse, formen parte dun conxunto coherente.
Preparativos para dinamizar a vila durante o Nadal
O contrato comprende o alugueiro, a instalación, o mantemento e a retirada do alumeado e dos elementos ornamentais, así como as actuacións necesarias para a súa posta en funcionamento.
A iluminación constitúe unha parte fundamental da ambientación das festas e contribúe a crear espazos acolledores para o paseo, atraer visitantes e favorecer a actividade do comercio e da hostalaría locais.
Este avance na contratación acompaña o traballo que o Concello está a desenvolver para preparar a programación de Nadal, coa vontade de ofrecer propostas que animen á veciñanza e ás persoas visitantes a desfrutar de Marín durante estas datas.
O investimento será financiado integramente con fondos municipais, dentro da planificación das últimas celebracións do ano.

