A parlamentaria socialista Leticia Gallego sinalou que o incremento do orzamento para comedores escolares anunciado pola Xunta resulta “totalmente insuficiente para manter a calidade dos menús” nas escolas galegas. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación do Parlamento diante da “perda de calidade” nos menús dos comedores que serven a 286 escolares de Moaña.
Gallego apuntou que a Xunta “debera aumentar moito máis as partidas dos comedores escolares” para evitar que a suba de prezos repercuta na mala alimentación dos máis cativos, que “é o que está a acontecer agora”. Reclamou ademais o endurecemento das inspeccións para facer cumprir os contratos, fiscalizar as empresas e sobre todo “velar pola calidade alimentaria dos nosos nenos e nenas”.
Esixiu a implicación da Consellería de Educación para “esixirlle ás empresas que melloren os menús e as condicións nas que chegan á mesa” dos escolares. Advertiu que a realidade é que os menús son pouco atractivos, ben porque o aspecto sexa “pouco agradable”, porque elaboren dous pratos fríos, as racións sexan escasas e ademais se teñan servido frías.
Reclamoulle ao goberno galego que “deixe de primar o criterio económico sobre o da calidade alimentaria”, e demandou “vontade política” para que “se poidan presentar uns menús escolares correctos e saudables”. Advertiu que as familias “están preocupadas e alarmadas pola calidade da alimentación dos seus fillos e fillas, e sentíndose frustradas por ter que empregar un servizo de comedor inadecuado, que debera servir para mellorar a conciliación familiar”.
Leticia Gallego sinalou o caso concreto dos comedores escolares dos 8 centros públicos de Moaña, que suma dous cursos coa mesma empresa de cátering que ofrece un “servizo depauperado”. Apuntou ás numerosas reclamacións trasladadas polos centros de ensino ante Comedores Escolares, que depende da Consellería de Educación, pero “as reclamacións non son atendidas e a calidade do servizo de comedor continúa a deteriorarse”.