Máis de 825 participantes comezaron esta semana a desfrutar da modalidade deportiva que elixiron dentro do extenso catálogo que ofrece o Concello nas Escolas Deportivas Municipais 2022-2023.
Entre as 27 modalidades para menores de 14 anos e as 5 modalidades para adultos (unha novidade deste ano), alcanzouse unha cifra récord de usuarios inscritos, quenes poderán desfrutar por só 50 euros ao ano de dúas horas de adestramento do seu deporte favorito. Deste catálogo, finalmente Salvamento, Waterpolo e Crossfit non tiveron inscritos abondo como para levar adiante as clases.
Das modalidades para menores de 14 anos, Judo, Boxeo, Baloncesto, Taekwondo e Fútbol Sala foron as máis demandadas. No caso das modalidades de adultos, esta foi a de Ximnasia de Mantemento.
Tal e como indica o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, “o proxecto das Escolas Deportivas Municipais de Marín crece cada ano, non só na oferta de modalidades senón tamén no número de usuarios, que agora si son de todas as idades”.