Lenguas cos alcaldes e concelleiros de Cangas e Moaña na presentación da ampliación de amarres.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, redactou os proxectos técnicos para a dotación de abrigo e prazas de amarre en pantalán para embarcacións bateeiras que operan na ría de Vigo, en concreto nos portos de Domaio (Moaña) e San Adrián de Cobres (Vilaboa). Neste último, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, presentou esta mañá ambas propostas técnicas que dan resposta ás necesidades das 36 embarcacións mexilloeiras que conforman a frota que traballa na ría de Vigo.

Susana Lenguas informou ao sector e aos representantes municipais de Vilaboa e Moaña do contido destes proxectos, que suman en total un orzamento de 4,3 millóns de euros. A presidenta de Portos insistiu no esforzo inversor do ente público para dar resposta ás necesidades do sector bateeiro “co que acordamos impulsar en paralelo os dous proxectos cunhas tramitacións ambientais que son especialmente complicadas pola protección existente nesta zona”.

No caso de San Adrián, as obras consisten na instalación dun dique de abrigo flotante de formigón con francobordo alto e a dotación de 16 prazas de amarre a pantalán para esloras de entre 12 e 22 metros. Deste xeito, aténdese ao total da frota deste porto.

As prazas estarán dotadas de fingers de atraque e contarán con conexión de auga, luz e alumeado. O orzamento é de 1,8 millóns de euros e a día de hoxe a súa tramitación está pendente do informe de Estratexias Mariñas solicitado ao Goberno central a mediados de febreiro e que condiciona a continuidade da tramitación.

En Domaio as obras consisten na instalación dun dique flotante de 140 metros para mellorar as condicións de axitación da dársena e dos novos pantaláns. Crearanse 20 novas prazas de atraque para esloras de entre 16 e 22 metros. Os traballos compleméntanse cunha dragaxe en rocha na zona de amarre e acceso ao pantalán exterior cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Actualmente está pendente de iniciarse a súa tramitación ambiental.

Rehabilitación do peirao da Mosqueira

A presidenta de Portos de Galicia informou ao sector de que o ente público está a ultimar tamén outro importante proxecto para a frota bateeira como é a rehabilitación da estrutura do dique da Mosqueira, en Moaña, que supón un investimento de 390.000 euros. “Deste xeito avanzamos na mellora das condicións de traballo do sector bateeiro dos tres portos – San Adrián, Domaio e Moaña- respondendo ás necesidades do sector”, subliñou.

Susana Lenguas indicou tamén que Portos de Galicia ten previsto iniciar proximamente as obras de dotación de defensas e medios de amarre no porto de San Adrián de Cobres, cun investimento de 40.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *