José Portela Canosa, Josefina Amoedo Fernández e Antonia García Valladares que xa cumpriron os 101 anos, recibiron o agarimo da veciñanza e o respecto institucional nun acto cargado de sensibilidade e lembranzas
A emoción, o respecto e a gratitude colectiva foron os grandes protagonistas na apertura da 1ª Xuntanza “Memoria Viva” de Vilaboa. Esta iniciativa municipal arrancou cun momento moi especial: a homenaxe pública a José Portela Canosa (do Alcouce-Figueirido), Josefina Amoedo Fernández (de Acuña) e Antonia “Tucha” García Valladares (de Paredes) —esta última non puido asistir presencialmente ao evento pero estivo moi presente no corazón de todos—. Os tres homenaxeados superan xa a barreira dos 101 anos de vida e recibiron o recoñecemento institucional do municipio.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, presidiu o acto acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, quen foi a encargada de facer a entrega dos agasallos, consistentes nun ramo de flores e nunha placa conmemorativa deste día tan sinalado. Ao acto tamén acudiron os portavoces da oposición, amosando un respecto unánime de toda a corporación cara a veciñanza máis lonxeva.


Durante a súa intervención, Poza lembrou a importancia que tiveron na súa propia traxectoria as vivencias persoais coas persoas maiores, que sempre lle aportaron coñecemento e positivismo a través da súa sabiduría e experiencia. Nese sentido, o rexedor explicou que ese é xustamente o obxectivo que se quixo recuperar con esta xornada: a posta en valor de todo o que os maiores poden aportar á sociedade tras unha vida de loita e esforzo e resaltou o valor das persoas homenaxeadas como “o patrimonio humano máis valioso de Vilaboa, testemuñas directas da nosa historia e da nosa identidade”.
Tras recibir os obsequios e un sonoro e prolongado aplauso por parte de todo o público asistente, os dous homenaxeados tiveron palabras de profunda emoción e agradecemento. José Portela tomou a palabra para lanzar unha sentida reflexión aos presentes: que en Vilaboa “poidamos vivir todos sen facer dano ningún a nadie; e sen malentendidos” e Josefina Amoedo, pola súa parte, tamén tivo verbas de agradecemento polo recoñecemento colectivo.
Tras o acto institucional, a xornada adquiriu un ton festivo coa participación de cerca de 300 persoas nun xantar popular. A seguridade do evento estivo garantida en todo momento polo dispositivo de Protección Civil, mentres que a diversión correu a cargo do dúo Los Dinámicos, que puxo a bailar a todos os asistentes desde o minuto un, pechando cun broche de ouro unha xornada inesquecible para a memoria colectiva de Vilaboa.
José Portela: o ferreiro innovador que salvou vidas na posguerra
María Canosa foi a encargada de entregarlle a José Portela Canosa un agasallo moi especial para honrar unha biografía extraordinaria. Mestre ferreiro con taller propio no Alcouce, «Pepe o Ferreiro» destacou sempre pola súa mente innovadora fabricando sachadoras, sementadoras ou malladoras que modernizaron o campo local.
Porén, o seu impacto social foi moito máis alá do ferro: nos difíciles tempos da posguerra, actuou como practicante administrando doses de penicilina que salvaron moitas vidas nunha época de sanidade precaria, axudou nos partos das vacas, promoveu nos anos 60 a primeira comunidade de traída de augas en Figueirido e impulsou as primeiras contratas para asegurar o gando, sendo un veciño indispensable.
Josefina Amoedo: a fortaleza dunha vida entre o Uruguai e Vilaboa
Josefina Amoedo Fernández, que goza dunha saúde excelente, recibiu o seu ramo de flores arroupada polos aplausos unánimes das cerca de 300 persoas que asistiron a esta Xuntanza dos Nosos Maiores. Cun século de vivencias ás costas, Josefina simboliza a fortaleza e a capacidade de adaptación da muller galega. Emigrada a Uruguai en 1953 canda o seu home, José Manuel Salgado, e o seu fillo Ricardo, traballou durante anos na portería dun edificio en Montevideo. En 1970 retornou a Galicia, onde seguiu traballando arreo no campo, no mar e nunha depuradora. Hoxe, rodeada por tres netos, seis bisnetos e o orgullo de ter abrazado este mesmo ano ao seu primeiro tataraneto, segue a ser un piar fundamental para a súa estirpe e para todo o pobo.
Antonia García ‘Tucha’: lucidez, compromiso e firmeza social.
A terceira gran protagonista deste día foi Antonia García Valladares, coñecida agarimosamente por toda a veciñanza como “Tucha”. A veciña de Paredes, que tamén celebrou recentemente o seu 101 aniversario, non puido estar presente no xantar, pero o
seu recoñecemento fíxose extensivo como un exemplo vivo de lucidez e tenacidade que todos teñen na retina.
Coa celebración desta 1ª Xuntanza “Memoria Viva”, o Concello de Vilaboa institucionaliza un espazo de encontro anual para dignificar a terceira idade, protexer o patrimonio oral e asegurar que o legado da súa veciñanza máis lonxeva siga inspirando ás futuras xeracións.
