A concelleira popular María Blanco defende “a importancia de que o Concello aposte por un espazo versátil para acoller a vida cultural de Bueu”
O pasado martes 11 de xaneiro coñecíase a intención do goberno local de transformar a parcela anexa ao concello nun parque infantil. Sobre esta proposta pronunciouse a concelleira popular María Blanco, quen aludiu á “ausencia dun plan” para Bueu por parte do executivo. “Primeiro o terreo era para ampliar o concello, logo o Museo, agora para facer un parque, pero a realidade é que é público e notorio que a improvisación está á orde do día dentro do bipartito”, indicou.
“O que deben tratar de maneira urxente é que o terreo non siga cheo de restos de obras, de sacos con materiais, dando máis a imaxe de solar en obras ou de vertedoiro, que dun terreo en pleno centro da vila”, afirmou. Así, cuestionou que aínda que “xa houbo numerosas queixas de veciños no Pleno da Corporación polo estado do predio e pola circulación de vehículos nunha zona peonil e cun parque infantil, o goberno non solventou a situación”. Dese xeito, Blanco propuxo “a retirada inmediata de todos os materiais da parcela, fagan ou non fagan algo con ela”, de forma que “se solucione dunha vez o tráfico dentro da praza”.
Ademais, a popular tachou de “vergoñento” que, mentres os parques de Bueu teñen “numerosas carencias”, o goberno propoña a creación doutro. “Como xa é habitual nos últimos anos, Juncal e os seus concelleiros pretenden derrochar os cartos públicos en construír máis parques aos que despois non se lle dá o mantemento adecuado”, criticou, afirmando que “o fundamental é que se manteñan os parques que xa hai e que se doten de máis xogos, en vez de seguir facendo máis olvidando o resto”.
Blanco propuxo “un xiro de temón e escoitar as necesidades da veciñanza, do tecido asociativo e dos sectores culturais”. “O idóneo para ese espazo”, indicou, “é crear un pequeno recinto cuberto para eventos ao aire libre”. Dese modo, a parcela tería un chan do mesmo material que a praza Massó, co obxectivo de que “quede plenamente integrada”, estaría abrigada cunha gran cuberta dun material duradeiro, en consonancia coa do concello e do Museo Massó, que requira de pouco mantemento e instalaríanse unhas gradas movibles, que se poidan recoller ou poñer en función das necesidades de cada evento, quedando totalmente despexado o espazo cando non se use.
“Crearíase así un espazo enormemente versátil cun baixo mantemento e que resolve parte das necesidades da nosa vila no eido cultural”, afirmou. “Cunha infraestrutura deste tipo, ubicada en pleno centro de Bueu, poderíanse facer desde eventos do Museo Massó até actos públicos do Concello, pasando polas presentacións de libros e por concertos de diferentes grupos musicais”, apuntou, “podéndose empregar incluso cando non haxa eventos para que a rapazada poida xogar, pois parte dos espazos que demandan son simples explanadas para xogar á bóla ou co patinete”. “Deste xeito, aforraríanse tamén cartos que se gastan en alugar carpas”, concluíu.