Agrupación de Protección Civil de Vilaboa co alcalde César Poza.

César Poza habilita partida no orzamento para o grupo de voluntarios, adapta un vello almacén como sede e confire á asociación carácter municipal

A recente celebración da Festa do Mar foi o punto de arranque da nova Agrupación de Voluntarios de Protección do Concello de Vilaboa, administración da que dependen e coa que traballarán coordinadamente na organización de eventos, na atención das emerxencias locais e das incidencias que así o requiran.

Un total de 18 persoas voluntarias, das que o 40% son mulleres, participan nesta nova etapa da Agrupación, que inicia unha andaina propia da man do Concello de Vilaboa trala disolución hai uns meses da antiga agrupación de Soutomaior, na que estaba integrada a través dun convenio de colaboración mutua.

“O alcalde, César Poza, reuniunos e díxonos que Vilaboa tiña que ter a súa propia agrupación e a partir de aí comezamos a traballar”, explica Carlos Bas, presidente da nova agrupación que conta cunha xunta directiva integrada tamén por José Ramón Portela Rial, como vicepresidente; Alba Rodríguez, como secretaria; Ana Carro como tesorera e Ismael Portela e Rubén Acuña como vocais.

O Concello comezou a adaptar un antigo almacén no Toural (que xa fora sede da agrupación) para convertelo na sede da Agrupación e eles recuperaron o material municipal que utilizaban en Soutomaior; e con eses mimbres “empezamos a traballar; aquí non hai salarios pero hai moita ilusión e ganas de aportar”, explica Carlos Bas, quen recorda que a meirande parte das persoas voluntarias traballan no sector sanitario e das emerxencias o que lles permite esta colaboración social de xeito altruista.

O inicio da súa actividade coincide co despertar das velutinas e iso tenos atendendo chamadas diariamente. “Veciños pero tamén o 112 e a empresa que teñen eles designada para xestionar os niños requiren da nosa colaboración neste tema. Estes días estamos a tope”. A axenda da Agrupación está repleta xa que ademáis das incidencias cotidianas, teñen prevista a colaboración con concellos limítrofes como o de Cerdedo-Cotobade, o de Arbo ou o de Ponteareas, para colaborar na organización das súas festas.

“Estamos satisfeitos de que o Concello entendese a necesidade de ter unha agrupación de Protección Civil propia e habilitase partida no orzamento para cubrir os gastos de material. Sabemos que a nosa presenza en Vilaboa supón un plus de seguridade para a veciñanza”, conclúe Carlos Bas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *