Presentación da Aula con Elena Gallego.

Esta actividade, enmarcada na programación do Día das Letras Galegas, permitirá ás persoas participantes coñecer da man da autora as técnicas narrativas actuais e desenvolver un proxecto literario propio. Será os días 7, 9 e 11 de maio

A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, e a directora da Biblioteca Municipal, presentaron xunto á escritora e xornalista Elena Gallego unha das actividades que se enmarcarán no mes das letras, marcado pola celebración do Día das Letras Galegas.

Trátase dunha nova edición da Aula de Creación Literaria do Proxecto Legado, que se impartirá nesta infraestrutura cultural cun formato intensivo, con obradoiros dunha hora e media repartidos en tres días: o 7 e o 9 de maio, ás 19.00 horas, e o 11 de maio ás 10.00 horas.

A actividade, tal e como explicou a autora, está dirixida “a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas pola escritura de narrativa (ficción/autoficción). Ao longo destas tres sesións, de carácter práctico e ameno, explicarei algúns dos segredos das técnicas de narrativa actuais, falando, entreo outros elementos clave da narración, do enfoque do relato, da creación de tramas e argumentos, da caracterización dos personaxes ou dos diálogos”.

O público, polo tanto, pode ser tanto mozo como adulto e todo xirará en torno a unha idea: a de ter as ferramentas precisas para descubrir, preservar e divulgar a historia persoal ou familiar. Unha temática que é abordada por Gallego no seu libro “O legado da nena do sal” (La Esfera de los libros 2023 – Edicións Xerais 2024), baseada na biografía dunha persoa real.

Haberá 15 prazas dispoñibles para participar na aula, para o que será preciso inscribirse previamente na Biblioteca, ben de xeito presencial como chamando ao teléfono 986890197 como no correo electrónico bibliotecamarin@telefonica.net. Esta iniciativa municipal está incluída no catálogo de actividades “Ler Conta Moito”, que promove a Xunta de Galicia para dinamizar a Rede de Bibliotecas de Galicia, da que forma parte a nosa biblioteca municipal.

Datos sobre a autora

Elena Gallego Abad é escritora e xornalista cunha ampla traxectoria profesional, ligada a diversos medios de prensa e radio galegos. Representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Pontevedra, recibiu o Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo en 1998, no apartado de medios audiovisuais.

Deuse a coñecer como narradora coa pentaloxía fantástica “Dragal”, publicada por Xerais: “Dragal I. A herdanza do dragón” (2010, finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil en 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012); “Dragal II. A metamorfose do dragón” (2011); “Dragal III. A fraternidade do dragón” (2012); “Dragal IV. A estirpe do dragón” (2015) e “Dragal V. O segredo do dragón” (2019).

Autora da novela policial “Sete Caveiras” (Xerais, 2014), da romántica “O Xogo de Babel” (Xerais, 2017), e da histórica “O legado da nena do sal” (Xerais, 2024), Elena Gallego Abad obtivo o II Premio de relatos curtos O Cabaleiro da Vila de Bouzas coa obra “A promesa” (2017).

Tamén escribíu relatos publicados en diversos volumes colectivos, impartiu os obradoiros de escritura creativa “Imos Contar Mentiras”, “Pontevedra Ficción” e a anterior edición do “Proxecto Legado” (incluído no catálogo do programa Ler Conta Moito das bibliotecas públicas de Galicia 2023 e 2024).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *