A concelleira de Deportes, a representante de FCC-Aqualia, o delegado dos traballadores do Centro Deportivo e a alcaldesa esta mañá ás portas da Piscina mostrando o fin do conflito.

Aínda que xa o avanzaron no pleno de onte, esta mañá Concello de Moaña e empresa concesionaria do Centro Deportivo Municipal, FCC-Aqualia, fixeron a foto que mostra o fin do conflito que nos últimos días sacara á rúa a traballadores e usuarios ante as ameazas de peche ao medio día e os sábados pola tarde. Tras varias reunións mantidas onte, acordouse que non haberá unha redución da xornada laboral dos sete traballadores porque se suspende o peche e, por tanto, as mobilizacións. A cambio o goberno local comprométese a pagar á concesionaria dúas indemnizacións.

Unha delas polo peche do 21 de xaneiro ao 5 de marzo de 2021 decretado polo Concello de Moaña en cumprimento da normativa de loita contra o Covid aprobada pola Xunta. O edil de Facenda, Aldán Santamarina, asegura non ter unha cifra exacta da canto ascenderá esta compensación pero estima que podería estar entre os 10.000 e os 15.000 euros utilizando como referencia o outro abono que o goberno local fixo por valor de 44.570 euros polo mesmo motivo correspondente a un período de actividade de tres meses e medio, do 13 de marzo ao 1 de xullo de 2020.

O outro abono que deberá realizar o Concello ten que ver coa revisión de prezos anual recollida no convenio que se asinou en 2009 cando se inaugurou a piscina. Santamarina explica que desde hai meses a empresa reclama esta actualización, pero un informe de Intervención deberá aclarar desde que ano teríase que facerse. FCC-Aqualia pide que sexa desde o inicio, mentres que o goberno local defende que, precisamente en 2016 fíxose un incremento das tarifas coa condición de que a concesionaria renunciase ás anteriores subidas e así o fixo por escrito. Traballadores e sindicatos falaron durante as mobilizacións que podería roldar os 80.000 euros aínda que estaría por concretar e dependerá da conclusión dos técnicos e das facturas que poida presentar a empresa para xustificar os gastos.

Inspección «sorpresa» de Sanidade

Santamarina defende o bo estado das instalacións do Centro Deportivo e, aínda que recoñece que houbo algunha deficiencia, asegura que xa están emendadas. De feito, indica que no día de onte tiveron unha inspección de Sanidade «por sorpresa» na que «se demostrou que todo estaba correcto».

Desde o goberno local resaltan que «o servizo da piscina é excelente e de referencia» e que están «. Unha vez que se acabou o conflito laboral estamos «envorcados en dar o mellor servizo».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *