A Axencia Galega de Innovación convoca á cidadanía de Marín a participar na xornada 3RETOS RIS3. A xente pode apuntarse a un maratón fotográfico, a ciclo indoor ou a ioga
A Axencia Galega de Innovación escolleu Marín para levar diante a xornada de innovación para a cidadanía 3RETOS RIS3, aberta a toda a sociedade, co fin de dar a coñecer a nova RIS3 de Galicia e implicar á cidadanía nesta aposta pola innovación. Será o sábado 17 de setembro na Alameda ao longo de toda a mañá e cada unha das actividades lúdicas ofrecidas estará relacionada conceptualmente algún dos tres grandes retos que marcan o futuro de Galicia.
A xornada comezará cun maratón fotográfico para descubrir oportunidades e retos relacionados coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais (Reto1). De seguido terán lugar as clases de cicloindoor baixo a temática do modelo industrial da Galicia do futuro (Reto 2) e tamén dúas sesións de ioga ao aire libre, para poñer de relevo a importancia dun modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo (Reto 3).
O evento, que estará conducido pola escritora e xornalista da CRTVG, María Solar, contará coa presenza de importantes deportistas como Irene Trabazo (figura do ciclocross e campioa de España) e Desirée Vila –que comezou como ximnasta acrobática sendo campioa de Galicia en varias ocasións e campioa de España ata que se lesionou e emprendeu unha nova carreira no atletismo adaptado conquistando o campionato de España en varias ocasións e o récord nacional dos 100m– ; divulgadoras científicas como Deborah García Bello (Premio Prisma de Divulgación; Premio Bitácoras, Premio Tesla…); artistas como Manolo Paz (escultor e Premio da Cultura Galega); ou artesás como Idoia Cuesta (Premio Nacional de Artesanía e Premio Artesanía de Galicia), entre outras.
As persoas que se acheguen ao evento poderán acceder ao stand Retos RIS3 e coñecer tamén a Canteira de Innovación e Materiais de Galicia, na que se amosan novos materiais innovadores e sostibles feitos no rural galego. Canteira de innovación e materiais de Galicia é un stand formado polas seguintes empresas Atalanta Madera / Betanzos HB S.L.; Cholita; Ecocelta Galicia S.L.; Ecoplas Barbanza S.L.; Eferro; Ibérica de esponjas vegetales; Idoia Cuesta; Io Morales; Landra Típica; Mámoa, Deseños Vivos; Mar de Miranda; NorPromenade; Inés RiR&Co; Timbersoul by Cándido Hermida e Tsubaki Diseño.