O alcalde César Poza e a concelleira Carmen Gallego na presentación do proxecto das Salinas do Ulló.

As Salinas do Ulló de Vilaboa xa teñen o seu pequeno oco na plataforma dixital para que calquera cidadán do mundo poida gozar desta paraxe da Ría de Vigo. Pódeno facer directamente a través da web www.salinasdoullo.gal ou indirectamente desde a páxina do Concello. Unha posta en valor da contorna que inclúe un roteiro con paneis dixitais e puntos de visión de realidade aumentada a través dun código QR que permiten a quen visite o lugar viaxar para atrás no tempo e sentir en primeira persoa como eran as salinas desde o seu inicio, o seu declive por mor dunha importante época de choivas contrarias á produción de sal, e as suas diferentes propiedades e as distintas obras que se fixeron ao longo dos anos e deron lugar á imaxe actual.

«O que pretendiamos que as paisaxes do sal, tanto as Salinas do Ulló como a de Larache, tivesen presenza nas Redes e, ao mesmo tempo, utilizar o proxecto como unha ferramenta útil para que a xente que as visite poida ter coñecemento de onde está e que significa», explicou o alcalde, César Poza, durante a proxección dunha iniciativa do Concello de Vilaboa que supuxo un investimento de 100.398,54 millóns de euros e que foi financiada nun 95 por cento pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e o resto con fondos propios municipais. A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, puxo en valor o esforzo do Concello para levar a cabo un proxecto que ten tres obxetivos: a conservación do patrimonio, o traspaso de coñecemento ao longo dos anos e a promoción do municipio como atractivo turístico. A información dos paneis e do contido dixital está dispoñible en galego, castelán e inglés.

A evolución das Salinas

O proxecto foi dirixido desde o Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) por Brais X. Currás, executado pola empresa Tempos Arqueólogos e informatizado polos técnicos de I4. Un equipo multidisciplinar cuxa investigación para tratar de explicar a evolución histórica da paisaxe desvelou segredos ata o de agora descoñecidos, mesmo polos veciños de Vilaboa. As salinas históricas son as que se atopan na marxe esquerda desta paraxe mentres que a zona coñecida como banca exterior non pertence a elas, construíuse para almacenar auga e dar servizo ao Muíño das Mareas que se levantou no século XIX. Toda unha sorpresa que, aínda que obrigará a cambiar o relato da historia, engade maior curiosidade, veracidade e atractivo a unha contorna privilexiada que cada vez aglutina a máis visitantes.

De feito, o fin último deste proxecto do goberno local de Vilaboa é atraer turismo á localidade de forma desestacionalizada como apoio ao sector da hostalería. De feito, esta recompilación histórica con presenza dixital está reforzada cunha imaxe de marca, un estudo sobre a incidencia turística no municipio e unha guía que se presentará proximamente e que agora se atopa en edición.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *