Alberto Acuña será o candidato do Partido Popular á alcaldía da Vilaboa nas eleccións municipais de maio. O voceiro local e coordinador comarcal do PP de Pontevedra, arroupado polo presidente provincial, Luis López, e pola secretaria xeral do partido, Luisa Piñeiro, anunciou esta tarde a súa candidatura ante membros da xunta local do PP.
“Creo nunha Vilaboa mellor e teño un proxecto claro para conseguilo. Chegou a hora de facelo posible, e por iso dou o paso consciente do reto importante que temos por diante. Somos o cambio necesario para solucionar a inestabilidade política e de xestión nas que está sumido o noso concello”, sinala Acuña. “O que Vilaboa necesita son certezas e non inquedanzas; estabilidade e non problemas”, engade.
O popular promete “compromiso e moito traballo” para chegar a cada aldea co seu proxecto. “Hai un sentir xeneralizado entre os veciños de que hai outra forma de facer as cousas para converter Vilaboa no lugar que todos queremos, e hai que dicirlles que poden confiar no Partido Popular para conseguilo. De feito, somos a única alternativa capaz de dar un cambio de rumbo a esta situación de parálise. Temos un proxecto e temos un gran equipo de persoas preparadas e ilusionadas para sacalo adiante”.
Pola súa parte, Luis López recorda que a irrupción de Alberto Acuña na corporación de Vilaboa, en xullo de 2018, “cambiou por completo o escenario político en Vilaboa, porque é unha persoa coas ideas moi claras, cunha capacidade de liderado indiscutible e que sempre, sempre ten a Vilaboa e aos seus veciños na cabeza e nas súas demandas”. Por iso, continúa, “dende a oposición exerceu claramente o liderado no concello: xestionando investimentos coa Xunta, negociando máis axudas para os colectivos co goberno local, preocupándose de todos os detalles cos cidadáns… en definitiva, demostrou que é o alcalde que merece e necesita urxentemente o Concello de Vilaboa”.