Visita esta mañá do delegado da Xunta e de membros do goberno local a zona do futuro aparcadoiro.

Este espazo de estacionamento, que ocupará unha superficie de 3.000 m², pretende facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches nos centros das vilas e cidades, reducindo as emisións e favorecendo a calidade de vida

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, impulsa a creación dun aparcadoiro disuasorio gratuíto cun total de 82 prazas na contorna do núcleo de Ameal, no Concello de Marín, cun investimento de 610.630 euros. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentou a actuación esta mañá nunha visita ás inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, no espazo no que se vai crear este estacionamento en superficie. Alí explicou que hoxe mesmo se avanza na tramitación administrativa deste proxecto, co seu sometemento a información pública, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia deste martes.

“Malia que o Goberno de España está a actuar de xeito unilateral, creando bastante confusión e inseguridade xurídica nos concellos coas próximas restricións de acceso de vehículos ás zonas de baixas emisións das cidades e dos municipios con certos índices de contaminación, desde a Xunta estamos comprometidos coas accións contra o cambio climático, na defensa do medio ambiente e da mobilidade sostible e sempre cumprimos, nos adiantamos e buscamos darlle solucións aos cidadáns, moitos dos cales terán problemas ou simplemente non poderán entrar nos centros urbanos”, manifestou o representante autonómico.

Remarcou que este proxecto, que forma parte dun contrato maior que recolle unha actuación similar en Nigrán, permitirá crear 82 prazas de aparcamento gratuítas e ao aire libre na periferia da vila marinense, nunha zona anexa aos grandes eixos de comunicación, co obxectivo de facilitar o emprego do vehículo compartido e, deste xeito, reducir a súa presenza no centro urbano, minguando as emisións e favorecendo a calidade de vida dos veciños.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto desenvolver este aparcadoiro disuasorio nunha superficie de 3.000 m² e agarda que a súa construción, que beneficiará de xeito directo aos máis de 24.000 habitantes de Marín, poida comezar o vindeiro ano para ser unha realidade xa en 2024, xa que o prazo de execución estimado é de nove meses.

Este espazo de estacionamento, ao que se accederá a través da estrada provincial EP- 1202, disporá de 79 prazas en batería e as 3 restantes en liña. Tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida. Ademais disporá de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos. As prazas de aparcamento terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, aínda que nalgún caso poderían variar por cuestións de espazo, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación. Paralelamente, haberá itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

Cómpre lembrar que esta actuación está financiada pola Unión Europea (UE) no marco dos Fondos Next Generation EU.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *