A ourive e pedagoga local Pilar Blanco impartirá o taller a un grupo máximo de 10 participantes, sen límite de idade e sen necesidade coñecementos previos

O peirao de San Adrián comezou xa a súa adaptación para acoller o escenario e os stands necesarios para a celebración da Festa do Mar esta fin de semana. Xunto á degustación de produtos do mar extraídos polas mariscadoras para este evento, a Festa oferta unha amplia programación cultural co concerto da Banda de Música de Vilaboa como prato forte.

O programa inclúe un obradoiro de esmaltado ao lume sobre metal pensado para todas as idades. Será impartido pola ourive e pedagoga de Vilaboa Pilar Blanco, que traballará coas persoas inscritas, adultos e nenos, unha técnica sinxela que non require coñecementos previos.

O taller dará comezo ás 19 horas e terá unha duración de hora e media, aproximadamente, un tempo no que Pilar Blanco pedirá aos participantes unha actitude aberta á aprendizaxe e a desfrutar da actividade. Ela será a encargada de aportar todo o material necesario. Entregará a cada persoa participante un peixe ou un golfiño en cobre e a partir de aí dará comezo o proceso de esmaltado ao lume. Os participantes poden esmaltar as dúas pezas, en formato colgante, que logo levarán unha vez rematado o proceso. “Imos facer unha actividade moi sinxela e divertida para a que non é necesario ter coñecemento previo algún”, explica Pilar Blanco, que anima a nenos e maiores a inscribirse neste obradoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, recorda que é necesaria a inscripción previa a través do correo dinamizacion@vilaboa.org xa que haberá un único grupo de traballo con dez prazas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *