Celebración ayer en la biblioteca.

O equipo directivo mantén as instalacións abertas os martes e xoves con actividades lúdicas e xogos para os rapaces menores de 6 anos

O CRA de Vilaboa inaugurou onte de forma oficial a súa nova biblioteca, un centro de ocio, lectura e xogo do que xa están gozando as familias de Vilaboa desde hai varias semanas. Ao acto asistiu o alcalde, César Poza, e o delegado territorial de Educación, César Pérez Ares, así como os asesores de Bibliotecas Escolares e do Centro de Formación e Recursos.

Todos eles foron recibidos nas instalacións do CRA polo equipo directivo, encabezado por Conchita Pérez, directora do centro e Adrián Sotelo, coordinador da biblioteca, que foron os encargados de explicar ás autoridades asistentes o funcionamento e dinámica do noso servizo xestionado polo CRA e que xa está a rexistrar cifras récord de asistencia.

A reforma integral do local, duns 40 metros cadrados e financiada íntegramente polo Concello de Vilaboa, permite ao equipo docente ofertar agora de xeito período, as tardes dos martes e xoves, actividades para os rapaces menores de 6 anos de Vilaboa actividades diversas, que van desde as sesións de contacontos, ata a lectura compartida, tardes de xogos ou préstamos de libros. “Estamos realmente sorprendidos pola acollida das familias. Pasamos de ter un recuncho no que literalmente solo podía entrar unha persoa a recoller un libro e sair; a xuntar aquí a 30 familias, no día de máis afluencia compartindo tempo e actividades nun entorno de lectura”. Conchita Pérez asegura que a Mesa Lego, as tablets e os robots son os elementos de entretemento máis demandados polo alumnado.

“E o máis importante é que despois comparten tempo de xogo no parque diante do Concello. Rapaces e as súas familias, de parroquias distintas, de aulas situadas en puntos diferentes, xúntanse aquí, na biblioteca, e continúan compartindo tempo de xogo no parque, que antes apenas estaba frecuentado. Estamos moi satisfeitos do resultado desta iniciativa”, apunta a directora do CRA. Conchita Pérez, que agradece ao equipo docente do CRA o esforzo e adaptación de horarios realizado para atender este novo servizo, recorda que levaban traballando neste proxecto moito tempo. Agora fíxose realidade grazas á aportación do Concello de Vilaboa que transformou o espazo, engadindo metros cadrados á biblioteca e acondicionando todo o exterior. Para a dotación de mobiliario e adquisión de fondos o CRA contou cunha aportación de 6.000 euros que lle chegou a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, aos que sumaron outros 4.500 euros concedidos tamén pola Xunta de Galicia para bibliotecas escolares.

Tanto Conchita Pérez como César Poza animan ás familias de Vilaboa con nenos menores de 6 anos a visitar as instalacións da nova biblioteca, coñecer o seu fondo de libros e utilizar o servizo de préstamo e participar nas súas actividades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *