Decenas de veciños participaron no magosto da parroquia de San Xulián en edicións anteriores.

As castañas, a música e a convivencia veciñal protagonizarán a tempada de magostos de Marín, que reúne sete celebracións entre o 18 de outubro e o 14 de novembro en diferentes parroquias do municipio. O Concello colabora coas asociacións veciñais cunha achega de 300 euros por cada magosto, apoiando o esforzo das entidades que fan posible estas xornadas.

Esta colaboración contribúe a manter viva unha das tradicións máis representativas do outono galego e a promover espazos de encontro entre persoas de todas as idades.

San Xulián abre a programación este domingo

A primeira cita será o domingo 18 de outubro, co IV Magosto de San Xulián, na Chan da Carballeira, no campo de fútbol situado na subida ao Lago de Castiñeiras.

A xornada comezará cunha andaina familiar circular de cinco quilómetros, con inscricións desde as 10.00 horas, saída ás 11.00 horas e un donativo de 2 euros. Desde as 11.00 horas tamén haberá unha exposición de automóbiles e motos antigas e unha feira de artesanía e antigüidades.

Ás 13.00 horas celebraranse obradoiros de atrapas soños outonais e unha sesión vermú con pulpeiro. A partir das 16.00 horas haberá castañada e inchable de balde, ademais de música en directo con Laura Ocampos. A asociación ofrecerá servizo de bar e choripán.

A festa, organizada pola Asociación de Festas Amigos de San Xulián, coa colaboración municipal e da Comunidade de Montes, rematará ás 20.00 horas. En caso de choiva, aprazarase para outra data.

O Campo, Santo Tomé de Piñeiro e Mogor continúan as citas de outubro

O sábado 24 de outubro, ás 17.00 horas, a Casa de Cultura do Campo acollerá un magosto con castañas, choripán, xogos populares e postos de artesanía, ademais dunha foliada coa agrupación Trompos ós Pés.

A celebración está organizada pola Asociación de Veciños O Campo e a Comunidade de Montes de Santa María do Campo, coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra. A programación continuará o domingo 25 de outubro na Casa de Cultura de Santo Tomé de Piñeiro e o venres 30 de outubro na Barriada de Mogor.

Ardán, Seixo e Loira celebrarán os seus magostos en novembro

O sábado 7 de novembro, a cita será en Carballido, na parroquia de Ardán. O domingo 8 de novembro, ás 17.00 horas, celebrarase o Magosto de Seixo, organizado por ACEMAS, na Alameda de Seixo. Haberá castañas, refrescos, auga e viño de balde, coa animación musical do Grupo Folk Carballido. Finalmente, o sábado 14 de novembro, ás 17.00 horas, a Comisión de Festas de Loira organizará o seu magosto no aparcamento público do cruce de Loira, que contará con carpa.

A programación incluirá castañas de balde, un concurso de cabazas para os máis pequenos, xogos populares e música. Pola noite, a festa continuará con DJ Rubén.

Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nestas celebracións e agradécese o traballo das asociacións, comisións e entidades colaboradoras, que contribúen a conservar as tradicións e dinamizar a vida social das parroquias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *