O alcalde nunha visita aos alumnos do Vilaverán.

O 94 % das familias expresa a súa intención de repetir o programa en 2027, consolidando este servizo como esencial para a conciliación

O balance do Vilaverán 2026, o programa municipal de conciliación que cada verán ofrece unha alternativa educativa e de lecer para a infancia do municipio, confirma o éxito dunha edición marcada pola alta satisfacción das familias. O dato máis significativo é que o 94% manifesta a súa intención de repetir en 2027, unha cifra que reforza o carácter consolidado dun servizo que combina convivencia, inclusión e apoio real á conciliación.

Nesta edición participaron 101 menores, que completaron 234 quendas e máis de 1.311 horas de actividade, entre horario normal e horario amplo. As dúas primeiras quendas acadaron ocupacións do 71 % e 77 %, respectivamente, mentres que as quendas terceira e cuarta se situaron no 45 % e 41 %, mantendo a tendencia habitual dos meses de agosto.

O Vilaverán mantivo a súa aposta pola diversidade familiar e pola inclusión: participaron 47 nenas e 54 nenos, 10 menores con discapacidade, 25 grupos de irmáns, 4 familias numerosas e 7 familias monoparentais. A distribución por idades concentrouse entre os 4 e os 7 anos, con picos de participación nos 5 anos (40 quendas) e nos 4 anos (37).

A procedencia das familias confirma o carácter municipal do programa: San Adrián (46 participantes) e Santa Cristina (21) foron as zonas con maior presenza, seguidas de Vilaboa, Figueirido e outras áreas da contorna.

O Concello mantivo o sistema de becas para garantir o acceso das familias con máis necesidades. En total, houbo 13 persoas becadas, que completaron 32 quendas e 187 horas cubertas mediante axudas municipais. O programa xerou ademais 8 empregos directos, correspondentes ao equipo de monitoras que acompañou á cativada durante todo o verán.

A análise da participación revela un alto grao de fidelización, xa que unha parte importante da cativada repetiu en varias quendas ao longo do verán. Un total de 20 menores asistiron ás catro quendas, mentres que 16 participaron en tres, 47 en dúas e 11 nunha única quenda, o que evidencia que moitas familias atoparon no Vilaverán unha solución estable e continuada para a conciliación durante os meses estivais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *