A comitiva canaria trasladada a Pontevedra para coñecer in situ o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra comezou hoxe a súa visita aos centros de compostaxe comunitaria instalados na provincia cunha axenda “frenética” de traballo. Durante a mañá visitaron as instalacións existentes nos concellos de Barro, Ribadumia, O Grove, Sanxenxo e Vilaboa e pola tarde está previsto que acudan ás instalacións do CIFP Carlos Oroza, onde visitarán as cociñas e os centros de compostaxe para, posteriormente, asistir a unha explicación pormenorizada das cifras e características técnicas do plan provincial.

A visita de hoxe realizouse da man do asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, da técnica María Martínez Abraldes, así como das mestras e mestres composteiros da xestión de cada composteiro. Puideron comprobar in situ todo o proceso entre a achega de lixo por parte da veciñanza e a fabricación do compost. Entre outras cuestións destacaron a exemplar participación cidadá en cada punto de compostaxe e preguntaron específicamente sobre a xestión dos restos de carne e peixe que algunhas teorías sobre a compostaxe deixan fóra.

A comitiva visitou o primeiro centro de compostaxe comunitaria (CCC) do Concello de Barro en San Antoniño, onde houbo unha explicación pormenorizada do seu funcionamento (achegas, tipo de lixo, trasfegas, medidas de control…); posteriomente trasladáronse a Ribadumia para coñecer o funcionamento do CCC que utiliza o restaurante Tío Benito –en exclusiva como grande produtor- e o utilizado pola veciñanza, constatando a grande cantidade de residuos de comida que se xeran no día a día.

Club Nautico, colexio e centro de maiores

Unha vez rematada a visita a Ribadumia o autobús coa delegación continuou ata O Grove, onde estaba previsto visitar dous CCC, algo que non foi posible pola chuvia, coñecendo finalmente a instalación do paseo marítimo con vistas á Illa da Toxa. O percorrido seguíu por Portonovo tamén por Vilaboa (Club Náutico, colexio, e centro de maiores, punto de intercambio vexetal…), este último, o concello máis adiantado na implantación do modelo Revitaliza de xestión dos biorresiduos en proximidade.

Xa pola tarde a ruta dirixiuse cara ao CIFP Carlos Oroza para coñecer o seu modelo de economía circular no que está implicada toda a comunidade escolar (os restos dos cociñados convírtense en compost que despois é utilizado na horta). Logo celebrouse unha reunión de traballo para coñecer as cifras de investimento da Deputación de Pontevedra no seu plan de xestión de residuos, os resultados de toneladas de lixo tratadas, a importancia de ter un plantel de persoal técnico moi ben formado, así como a evolución que pretende seguir o Revitaliza nos concellos adheridos ao programa.

Para a xornada de mañá (cando se incorporarán os cargos da Consellería de Transición Ecolóxica do Goberno canario) está prevista unha recepción institucional, ademais de continuar co programa de visitas no Concello de Pontevedra.

O vicepresidente César Mosquera manifestou a súa satisfacción pola visita canaria e sinalou que é un orgullo que o modelo Revitaliza estea a ter tanta repercusión exterior. Subliñou que a Deputación está a traballar para axudar aos concellos da provincia a xestionar os seus residuos urbanos e destacou que nestes momentos a normativa europea e estatal avala a filosofía do plan provincial. “Se podemos servir de referencia para outras localidades, estupendo. Nós encantados de estender o modelo e parece que parte do territorio canario podería aplicalo”, finalizou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *