O Concello de Vilaboa confía na implicación de veciños e veciñas para encher de colorido e ambiente as vivendas da localidade, cunha perspectiva sostible e orixinal, nas próximas datas de Nadal. Para elo vén de convocar o II Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal no que anima a participar a toda a veciñanza, ambientando un balcón, o patio exterior, toda a fachada ou o recuncho que cada quen escolla. Logo hai que fotografiar o resultado e enviar a imaxe, xunto coa
dirección da vivenda e un número de teléfono de contacto, a info@vilaboa.org antes do 10 de decembro.
Un xurado integrado por membros da administración local visitará cada unha das vivendas participantes no concurso entre o 10 e o 17 de decembro para escoller aos gañadores que recibirán os seus premios antes do 23 de decembro: tres cestas cheas de produtos típicos destas datas para os dous primeiros e 150 euros para o terceiro, antes do 23 de decembro. I é que nesta segunda edición o Concello introduce como novidade que o terceiro premio sexa ao traballo colectivo, incentivando a colaboración entre a veciñanza cunha agasallo en metálico para o barrio ou lugar mellor decorado
O xurado premiará a creatividade, a orixinalidade, a iluminación e o espíritu de Nadal pero tamén o emprego de materiais que permitan levar a cabo unha decoración de Nadal orixinal e sostible.
O Concurso de Nadal busca tamén convidar á veciñanza a sair da casa, dinamizando o consumo nos establecementos locais co pretexto de gozar do alumeado.
As bases do concurso, que recollen que a decoración debe manterse ata despois do 6 de xaneiro e que debe haber un mínimo de 15 participantes para que se manteña, poden consultar na web do Concello, www.vilaboa.org