Comezan as visitas didácticas do alumnado local a este recuperado activo do patrimonio industrial
O Forno do Cal está xa rehabilitado e listo para converterse nun novo activo de interese turístico, cultural e patrimonial de Vilaboa que nas últimas semanas recibiu xa varias visitas escolares do alumnado local para coñecer o funcionamento desta estrutura agora totalmente recuperada. Trátase dun elemento singular do patrimonio industrial de Vilaboa situado en San Adrián de Cobres que antes da actuación estaba oculto pola maleza e que grazas a unha actuación xestionada a través do GALP foi recuperado. “A idea é que os centros escolares de Vilaboa utilicen este recurso tamén de xeito didáctico para que o noso alumnado valore e recoñeza esta parte da nosa historia recente”, apunta César Poza, alcalde de Vilaboa.
O proxecto incluiu a rehabilitación da estrutura, o acondicionamento do entorno e a posta en valor do mesmo cun orzamento inferior aos 100.000 euros e que precisou os permisos sectoriais de Costas, Medio Ambiente e Patrimonio.
O Forno do Cal está situado nunha parcela propiedade da empresa Pescapuerta, que cedeu o uso e os terreos para proceder á rehabilitación. O Concello asinou tamén un acordo coa Comunidade de Montes de San Adrián para a cesión dos terreos colindantes para o acondicionamento da zona que vai desde a Ponte de Rande ata a Punta de Atravesada.
Ademáis da recuperación do forno, o proxecto do Concello inclúe a instalación duns paneis informativos que divulguen a actividade industrial dun forno con certas particularidades como o feito de que a mercancía para facer a cal chegáballe por mar para lograr unha produción intensa destinada sobre todo á construción, xa que o encalado das vivendas era o xeito máis común de sanealas e protexelas da entrada de insectos a metade do século XX.