Contacontos para nenos en Vilaboa.

Espectáculos musicais, de títeres e contacontos confirman a proposta cultural para nenos e nenas na Casa de Cultura de Riomaior

O Concello de Vilaboa entrou de cheo na Semana das Letras cunha programación diaria orientada ao público infantil da man da Rede de Bibiliotecas de Galicia e dentro do programa local Reactiva Vilaboa que busca a dinamización cultural do municipio. Todas as actividades teñen lugar na Casa de Cultura de Riomaior e son totalmente gratuitas.

Este ciclo cultura organizado para coincidir coa celebración das Letras Galegas arrancou este martes co espectáculo infantil “Dúas heroínas voando van” e continuará hoxe con “Alicia no País das Maravillas”, unha recreación para títere baseada no relato de Lewis Carrol e recomendada para cativada a partir dos 4 anos.

Conducidos polo coello branco, os asistentes seguen con expectación as aventuras da pequena Alicia neste mundo onírico e fantástico que late debaixo da terra; alí meréndase coa Lebre de Marzo, o Sombreireiro Loco e o Lirón e xógase ao críquet coa Raíña de Corazóns. Trátase dunha actividade incluída no catálogo de “Ler conta moito”, da Rede de Bibliotecas de Galicia que dará comezo ás 18 horas.

Tamén na Casa de Cultura de Riomaior a poboación infantil ten unha cita coa Bibliocanta o día 16 ás 18.30 horas. Esta actividade está deseñada para que os nenos e nenas se acheguen ao cancioneiro tradicional galego ao tempo que saborean e gozan das cancións propostas; permitindo recupear e que non caian no esquecemento estes ditos, recitados e cancións transformándose de novo nunha forma de ocio e de expresión.

A semana adicada ao público infantil remata o venres 17 de maior cunha sesión matinal que dará comezo ás 12 da mañán con “Leo e a música” na Casa de Cultura de Riomaior. Leo, o león máis curioso da selva, atópase nun paseo con diferentes animais e escoita os seus sons particulares e solicitará a colaboración da cativada para descobrir toda a música que hai ao seu arredor.

As actividades culturais continuarán en Vilaboa o día 21 de maio cunha nova sesión do Salinas Club de Lectura ás 20 horas na BiblioCRA de Vilaboa para analizar a obra “O mar que nos leva” da escritora Moncha Fuentes.

Os estatutos do Salinas Club de Lectura recollen entre os seus obxectivos fomentar a lectura e escritura entre a poboación de Vilaboa e na sociedade galega en xeral, tanto no ámbito rural como no urbano; compartir afición pola lectura tanto de autores galegos como non galegos, en lingua galega e castelán e crear un circuito de autores e firmas que permitan presentalos e coñecelos en persoa, e á vez promocionar a súa obra. César Poza, alcalde e concelleiro de Cultura, destaca a importancia de organizar actividades ligadas á literatura infantil para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos de xeito que relacionen ocio e lectura, un xeito lúdico de formar unha sociedade crítica, analítica e esixente. “Os nenos e nenas que esta semana teñen a oportunidade de asistir a unha boa selección de actividades vencelladas á literatura estou seguro de que serán, de adultos, membros dun club de lectura”, apunta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *