O Concello de Moaña participa na décima edición de Youtubeiras+, unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, xunto coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña. O proxecto ten como obxectivo promover o talento en galego nas redes sociais e fomentar a creación de contidos dixitais na lingua propia, especialmente entre a mocidade, aínda que a participación está aberta ao público en xeral.
A nova edición, presentada esta semana en Ames, abre o prazo para participar nos Premios Youtubeiras+, que permanecerá aberto ata as 23.59 horas do 15 de novembro. O certame repartirá 7.500 euros entre as propostas gañadoras das sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras estarán dotadas con 1.250 euros, mentres que as cinco restantes recibirán 1.000 euros.
Como novidade, Youtubeiras+ incorpora este ano un premio honorífico para recoñecer a traxectoria de persoas e iniciativas vinculadas á creación dixital en galego, coincidindo coa décima edición do certame. Ademais, durante o mes de outubro desenvolveranse obradoiros en liña gratuítos con persoas creadoras e expertas nas redes sociais que empregan o galego para xerar contidos, ofrecendo ferramentas e coñecementos para impulsar novas propostas dixitais.
Desde o Concello de Moaña participaron na presentación en Ames a técnica de Normalización Lingüística e a responsable municipal da área, Dolores Chapela, nunha iniciativa que busca incrementar a presenza do galego no ámbito dixital e favorecer o seu uso nas novas formas de comunicación. As bases e toda a información para participar poden consultarse na web de Youtubeiras+.

