Presentación do Campionato.

Vilaboa convértese no punto de referencia autonómico desta disciplina técnica cun espazo deportivo estratéxico

Vilaboa converterase este 15 de agosto no epicentro galego do pumptrack coa celebración do Campionato de Galicia 2026, unha proba oficial da Federación Galega de Ciclismo organizada polo Club Ciclista Val do Ulló e que sitúa o Pumptrack A Canteira de Paredes como un dos espazos máis destacados para a tecnificación e a competición desta disciplina en expansión.

A presentación do evento puxo en valor o traballo conxunto entre o Concello de Vilaboa, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, que apoian unha cita que combina deporte, convivencia e promoción dun espazo municipal integrado no contorno natural da antiga canteira. A instalación, con 300 metros de trazado en asfalto continuo, foi deseñada para acoller tanto adestramentos como competicións oficiais, e converteuse nun punto de encontro para deportistas de toda Galicia. Na presentación estiveron presentes a presidenta do Club Ciclista Val do Ulló, Jenifer Albar; o alcalde de Vilaboa, César Poza; e o director técnico da Federación Galega de Ciclismo, Alberto del Río, acompañando e reforzando o apoio institucional a esta infraestrutura deportiva.

O campionato reunirá corredores das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete, júnior, sub-23, elite e máster, tanto femininas como masculinas, nun formato de dúas mangas por participante, onde o mellor tempo determinará a clasificación final. As categorías máis novas, aínda que non optan ao título autonómico, si contarán con podio propio, reforzando así a aposta polo deporte base e pola iniciación segura no pumptrack.

A xornada comezará cos adestramentos oficiais entre as 16:00 e as 17:30 horas, que darán paso á reunión de directores deportivos e ao inicio da primeira manga. A organización lembra que é obrigatoria a confirmación da inscrición na oficina permanente, que permanecerá aberta ata media hora antes do comezo da competición. O recinto contará cunha zonificación específica para garantir a seguridade: zona de competición, zona de público con accesos controlados, paddock para equipos, área de organización e espazo médico con ambulancia e persoal sanitario. Tamén se habilitarán áreas de aparcadoiro e unha zona para autocaravanas, mentres que o interior do recinto permanecerá restrinxido ao tráfico. As carpas dos clubes deberán solicitarse previamente a través de WhatsApp, segundo a normativa establecida pola organización.

A seguridade será un dos piares da proba, cun regulamento estrito sobre bicicletas e equipamento obrigatorio, que inclúe casco integral para a maioría das categorías, luvas completas e roupa de protección. En caso de accidente, activaranse os protocolos federativos e o programa XOGADE para menores, tendo como hospital de referencia o Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Na presentación, o Concello destacou que este campionato “representa un paso adiante na consolidación de Vilaboa como sede deportiva, reforzando a visibilidade dun espazo municipal que hoxe é símbolo de dinamismo, comunidade e deporte seguro”. A organización agarda unha alta participación e unha xornada marcada pola emoción, a técnica e o ambiente familiar que caracteriza esta disciplina. O Concello de Vilaboa anima a toda a poboación a achegarse e desfrutar desta cita deportiva, pensada para compartir unha mañá de convivencia, espectáculo e apoio ao talento local e galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *