Os nenos e nenas nunha actividade dos campamentos.

O campamento ofrece nesta edición dúas opcións horarias, con prezos que oscilan entre os 50 e os 30 euros e a gratuidade para as familias vulnerables

O Concello de Vilaboa pon en marcha o seu programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais, Vilaverán, que oferta actividades lúdico-formativas para rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 14 durantes os meses de verán. Nesta edición, na que os interesados poderán formalizar a súa inscrición do 17 ao 28 de xuño, o Concello presenta importantes novidades ao estar a actividade incluída no Plan de Igualdade para a cidadanía. Esto converte a Vilaverán nun servizo de axuda ás familias con nenos e nenas menores a realizar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional.

Vilaverán ofrecerá este ano dúas opcións horarias co obxectivo de adaptarse ás necesidades de cada familia, acollendo menores con todo tipo de capacidades e atenderá tamén as situacións de familias sen recursos. A actividade, que se desenvolverá nas instalacións do colexio Plurilingüe de Riomaior, consiste nun campamento de verán dirixido á poboación infantil e xuvenil que permite aos menores participantes gozar de actividades educativas durante o período estival, todos os días laborais dos meses de xullo e agosto e ofrece ás familias conciliar e ao mesmo tempo formar parte das actividades deseñadas para fomentar a coresponsabilidade.

O programa Vilaverán saiu este ano a licitación por un importe de 35.000 euros e unha das obrigacións da empresa adxudicataria será o emprego do método SEM, un modelo de enriquecemento escolar que supón unha innovación na atención educativa, xa que permite a mellora curricular de xeito transversal. “Este modelo está pensado para que o profesorado cree un espazo de aprendizaxe non limitado á exposición den coñecementos e a súa repetición polo alumnado, senón centrado nas competencias claves para o século XXI: creatividade, comunicación, colaboración e pensamento crítico”, apunta César Poza, alcalde e concelleiro de Cultura.

O goberno local elaborou este ano unha ordenanza que regule o prezo público das prazas ofertadas no Vilaverán, un total de 100 por quincena que quedou fixado en 50 euros por período para os participantes en horario amplio; 30 euros para o horario normal e gratuito para as familias con cobertura de Servizos Sociais. O coste global de cada unha das prazas ascende a 88,22 euros, xestionando o Concello de Vilaboa a
diferencia entre a aportación das familias e o prezo final.

As familias interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán formalizar a súa inscrición en xuño chamando ao número de teléfono 986 673 806 ou presencialmente na Casa de Cultura de Riomaior.

Para Carmen Gallego, concelleira de Igualdade, este programa de conciliación de verán é unha oportunidade para garantir o acceso das mulleres ao mercado laboral no verán “xa que a carga dos coidados familiares segue a recaer principalmente en nós”. Engade que acadar a conciliación garante que pais e nais poidan acceder a un posto de traballo e permanecer nel sen que a situación familiar sexa un elemento que afecte negativamente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *