A rede que conforman as vías de comunicación é un elemento fundamental na ordenación do territorio, na configuración da paisaxe común e no resultado da actividade de construción coa que a sociedade estrutura o espazo.
A importancia que teñen os camiños rurais, como parte integrante de dicha rede, é vital para o desenvolvemento de actividades económicas e sociais entre os núcleos de poboación, xa que moitas veces son as únicas vías de acceso ao territorio.
Baixo esta premisa está en desenvolvemento todo un paquete de actuacións nos camiños do rural de Marín, promovidas polo Concello, no que se enmarca a obra de mantemento que anunciou esta mañá o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e que mellorará o firme na estrada de Pasás, entre Xermade e Xuncal (Ardán).
Esta actuación vén xustificada polo estado de deterioro que presenta o pavimento, que, segundo pode lerse na memoria, “obriga a ir máis alá dunha simple intervención de bacheo de mantemento”. Por iso, ademais de aplicar unha nova capa de rodadura , procederase á limpeza e desbroce dos paseos e á pavimentación das cunetas, coa posterior implantación de drenaxes que melloren o desaugue superficial.
Esta actuación foi adxudicada á empresa Construcciones Fechi por un importe de 35.381,36 euros, que se investirán con cargo á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, da Consellería de Medio Rural.