A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro Francisco Estévez, recibíronnos antes da competición, que se celebrará en Vigo do 9 ao 18 de outubro, e desexoulles sorte nas probas de xadrez,natación en augas abertas, cross e media maratón
Tres axentes da Policía Local de Marín, Miguel Santiago, Jesus Pereira e Manuel Lorenzo; participarán nos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros, que se disputarán en Vigo do 9 ao 18 de outubro. Representarán a vila en distintas modalidades deportivas: xadrez, natación en augas abertas nas distancias de 2.000 e 4.000 metros, cross e media maratón.
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez, recibiron aos tres axentes antes da súa participación para transmitirlles o apoio do Concello. Desexoulles «moitísima sorte» e animounos a «deixar o pavillón de Marín ben alto» ao longo da competición.
Marín, presente en distintas disciplinas
A participación dos axentes permitirá que Marín estea representado tanto en probas de resistencia como nunha disciplina de estratexia como o xadrez. A presentación dos Xogos está prevista para o 9 de outubro, data na que comezará unha competición que se prolongará ata o día 18.
Desde o Concello quérese recoñecer a preparación e a ilusión coa que os tres representantes afrontan esta cita. A representación de Marín xa está asegurada; agora, o desexo compartido é que os resultados os acompañen e poidan regresar tamén con algún podio.

