Manuel Santos, concelleiro de Facenda.

O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, presentou en comisión extraordinaria a documentación do orzamento, que é continuista e recolle todas as necesidades xurdidas en torno á pandemia

Un orzamento continuista, coa perspectiva posta na inversión e que preserva a boa saúde fiscal do Concello, mantendo conxelados os impostos e as taxas municipais por undécimo ano consecutivo. Ese é o resumo do orzamento deste ano que o concelleiro de Facenda e tenente alcalde, Manuel Santos, presentou esta mañá ás 12.00 horas nunha Comisión Extraordinaria de Facenda, na que compartiu co resto de grupos da Corporación a documentación administrativa relativa á aprobación da conta municipal.

O montante total da mesma será de 13.529.069,20 euros, 75.000 euros máis que o orzamento do pasado exercicio, e que supón unha aposta clara por continuar “coa inversión pública que facemos desde o Goberno local, centrada en eliminar todos os gastos superfluos e centrándonos nas necesidades máis relevantes da nosa veciñanza”. “O obxectivo no que levamos traballando todos estes meses é precisamente axustar os nosos gastos ao límite”, incidiu o concelleiro.

Este traballo tivo este ano, ademais, un novo ingrediente a ter en conta: a pandemia. “Levamos 11 anos mantendo conxeladas todas as taxas e impostos que repercuten na veciñanza e este ano aínda temos un argumento máis para manternos nesa liña, dadas as dificultades económicas ante as que nos atopamos por mor da situación sanitaria”, declarou o concelleiro.

Pero é que, ademais, a propia xestión municipal da pandemia levou a que o Goberno local activase unha serie de bonificacións coas que axudar non só de xeito particular aos veciños e veciñas, senón de maneira máis intensa aos actores da economía local que máis afectados están, como é a hostalaría, que está exenta do pago das terrazas e veladores desde o 2020 e durante todo o ano presente, entre outras bonificacións.

Segundo detallou o concelleiro, en canto aos ingresos aproximadamente o 51% provén tanto das taxas e impostos directos e indirectos do Concello, sendo o restante 49% correspondente ao ingresos da participación nos Tributos do Estado e da Xunta.

Con respecto aos gastos, o capítulo de Persoal supón ao 43,52% do
Orzamento, e o gasto corrente ascende ao 52,77%. “Neste punto,
aumentamos aquelas partidas que se viron afectadas pola pandemia,
especialmente as relativas a Servizos Sociais e á limpeza nos centros
educativos”.

Pero a maiores tamén se reflicten todas as accións de mellora que se levan a cabo ao longo do ano para prestar servizos públicos de calidade: “Mantemos as nosas praias, o noso rural, coidamos de xeito especial os nosos parques e xardíns. Apostamos polo medio ambiente e, por suposto, de novo apoiamos ás actividades culturais e deportivas, aínda que este ano teñan a súa situación máis limitada dada a Covid19”.

Case 2 millóns máis de inversión prevista

A boa saúde fiscal municipal permitiu congregar un remanente de Tesourería de 4 millóns de euros, que agora será utilizado para levar a cabo 6 grandes proxectos esenciais.

A humanización da Praza de Ponteporto, a reforma da Casa do Mar para convertela nun Centro de Día, a posta en marcha da rede de abastecemento de Bexe, a demolición do antigo Mercado de Cantodarea e a adaptación do Liceo Casino para convertelo nun Centro de Ocio Xuvenil son as actuacións que aglutinarán 1.215.000 euros de inxección económica.

A esta importante forza inversora, súmanse os aproximadamente 800.000 euros que se investirán para a construción do Auditorio de Marín. Os 4 millóns de euros totais desta actuación proceden do proxecto Marín Dusi (2 millóns), cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, e da Xunta de Galicia (2 millóns).

“En definitiva”, concluíu Santos, “temos un orzamento axustado á realidade do noso Concello, cumprindo co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de teito de gasto e sumando unas inversión potentes que podemos realizar grazas ao noso remanente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *