As actividades terán lugar do 15 ao 18 no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
O Concello de Bueu e a Asociación Micolóxica Liboreiro organizan do 15 ao 18 de novembro as XXIII Xornadas Micolóxicas que se celebrarán no Centro Social do Mar e que incluirán varias charlas, ademais dunha mostra filatélica con temática micolóxica.
Este martes 15, haberá un coloquio arredor do documental “Entre pastores e lobos”, no que participarán Manuel Pedrosa, director e guionista, Mariam Mariño, co-guionista, e Pedro Alonso, biólogo, especialista no estudo do lobo e co-guionista. O filme conta como no noroeste da Península Ibérica, vive unha das maiores poboacións de lobos de Europa. Acubillados por paisaxes singulares, os lobos non ocupan espazos naturais illados, senón que viven entre as persoas. A historia revélanos a súa particular relación e móstranos a complexidade dos ciclos naturais das montañas, con soamente oito pastores que manteñen a tradición e contemplan a fin dunha forma de vida, atrapados entre o romanticismo e a necesidade.
O mércores, Marisa Castro, profesora xubilada da Universidade de Vigo e directora científica de MycoGalicia Plantae, ofrecerá a charla “Historia da divulgación e investigación micolóxica en Galicia”. O xoves será a quenda de Julián Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus, quen falará sobre a “Macromicobiota das montañas do Courel”, e xa o venres, Óscar Requejo, do Grupo Micolóxico Galego, informará sobre a “Familia Phallaceae”.
Estas xornadas pretenden achegar o mundo micolóxico ao público xeral, e de aí que se promovan diversas temáticas que se abordarán dende un punto de vista divulgativo.