Concello de Bueu.

Duns meses até o de agora, moitas das dependencias municipais veñen sufrindo unha falta de atención e de limpeza que, nas últimas semanas, se agravou debido a un aumento do uso e a non incorporación de novo persoal. Estes feitos foron cualificados pola voceira do Partido Popular, Elena Estévez, como “un exemplo máis da necesidade de reforzar as brigadas municipais, unha cuestión sobre a que vimos insistindo desde hai tempo. Con todo, a realidade é a que é, e na actualidade, temos un goberno local que predica a defensa do traballador público e que, nunha mostra de dobre moral, prefire contratar empresas externas para calquera servizo deixando as brigadas baixo mínimos”.

Así, cuestionou que “a pesar do enorme esforzo que están facendo as persoas que traballan no servizo de limpeza, os edificios amosan a falta de atención debido á ausencia de persoal que poida limpar eses espazos”. Dese xeito, afirmou que “non foron poucos os colectivos e persoas que nestes últimos días criticaron esta falta de mantemento, que se fai fundamental para garantir a salubridade dos usuarios”. “Unha mostra é a Casa da Música Manuel Omil, que a pesar do seu grande uso, non foi limpada en profundidade desde setembro, con só algunha limpeza rápida nos baños”, indicou.

Ademais, Estévez apelou a “unha RPT que se pretendeu vender como a nai das solucións aos problemas municipais e que ao final non resolveu nada”. “Tal e como adiantamos xa no debate en Pleno, este documento está incompleto e provocou novos problemas, o que observamos no feito de que xa se atope no xulgado Contencioso-Administrativo. Pero a maiores disto, vemos tamén como o executivo de Félix Juncal é incapaz de desenvolvela de forma correcta, e os problemas de persoal agrávanse en moitos dos departamentos municipais, con áreas con só unha persoa e que se atopan totalmente desbordadas de traballo”, subliñou. “Esiximos un cambio de políticas no eido do persoal, apostando polo rigor e pola planificación en áreas tan sensibles como a da limpeza”, concluíu.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí