O pasado luns tivo lugar a sesión plenaria do mes de novembro, unha xuntanza na que, entre outros asuntos, se abordou a moción para a conservación da cheminea da fábrica Massó presentada polo PP. No acordo da dita moción instábase o goberno local a realizar un estudo do estado da cheminea da antiga fábrica de Massó e a adoptar todas as medidas necesarias para garantir a súa integridade.
Así, Estévez amosou a súa sorpresa pola postura contraria de BNG e ACB á moción, que se traduciu nunha votación totalmente axustada, pois foi necesario o voto de calidade do alcalde, Félix Juncal, para desempatar a votación. Con todo, un dos feitos máis chamativos do punto da orde do día foi o que Estévez caracterizou como “unha nova mostra máis do mal comportamento do vicealcalde e da súa falta de respecto total cara ao que representa o Concello como institución”, toda vez que este “empregou un vocabulario impropio dun órgano no que se representa a todos os veciños da vila de Bueu”.
Ao xuízo da voceira, “durante o debate observamos tamén como o propio alcalde é incapaz de xestionar un pleno, pois tivo unha total permisividade e pasividade con actitudes de Villanueva como falar de “botar a cheminea abaixo con dinamita”, apelar á familia Massó como “asasina de máis persoas que ETA” ou aludir á cheminea da fábrica como “un símbolo fálico””, subliñou. “Estamos ante un rexedor que, con tal de ter contento e sumiso o seu socio de goberno, esquece as súas funcións á hora de dirixir o debate plenario”, sentenciou.
Ao tempo, Estévez tamén reprochou “os malabarismos que están levando a cabo desde o goberno local”, logo da aseveración no Pleno de que non se pode intervir porque a súa titularidade é privada. “Está totalmente fóra da lóxica que se escusen baixo esa premisa para non votar a favor da moción, cando todos sabemos que o Concello ten a obriga legal de garantir a seguridade de todas as persoas, igual que levan a cabo un control cando hai algún problema nunha vivenda”, apuntou, cuestionando que “o que demostran é que votan en contra porque é unha moción do Partido Popular, xa que ao mesmo tempo que o fan din que van mandar unha “inspección ocular”, que era en parte o obxecto da moción.
A isto súmaselle a gravidade de que o concelleiro de Urbanismo recoñeza en pleno que eles mesmos se equivocaron no PXOM, ao establecer que o ben era público, e que a pesar de sabelo non se levase nunca unha corrección ao pleno”. “O colmo é que teñan a pouca vergoña de recoñecer na sesión que o PXOM ten máis erros, que son conscientes deles e que aínda non se solucionaron nin houbo interese en facelo”, criticou, asegurando que “desde o Partido Popular agardamos que a modificación do PXOM para corrixir eses defectos forme parte da orde do día da vindeira sesión”.