A Mámoa do Rei, xunto co resto de bens patrimoniais do entorno do Lago de Castiñeiras, foi obxecto dunha actuación de conservación hai menos dun ano.
O Concello de Vilaboa xunto coa Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa denuncian o roubo do valado de protección da Mámoa do Rei. Este valado fora instalado hai menos dun ano no ámbito dun proxecto de protección, conservación e sinalización dos bens patrimoniais da Chan de Castiñeiras.
Este proxecto, que incluíu tamén a a creación e sinalización do Roteiro das Mámoas, foi obxecto de subvención por parte da Deputación de Pontevedra e foi levado a cabo pola cooperativa Árbore Arqueoloxía e Restauración.
Unha das accións de conservación consistiu na renovación do valado de protección da Mámoa do Rei que ocupa unha área de 115 metros cadrados e que, recentemente, foi subtraído. Tamén o panel informativo da mámoa intentou ser arrincado.
«Estamos sen palabras» declara José Luis López, presidente da Comunidade de Montes de Vilaboa, que lembra os esforzos económicos realizados polos comuneiros para completar os custos do proxecto. Engadindo que «non é a primeira vez que a Comunidade é obxecto de roubos, como cando nos roubaron a todos os veciños 30 castiñeiros recén plantados».
Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza salienta que «os comuneiros e o concello veñen facendo un esforzo moi grande para pór en valor o noso patrimonio histórico, e lamenta que haxa xente que non só menosprecie este traballo senón que tamén estan a atentar contra a nosa historia.»
«É unha falta de decencia e de falta de respecto polo noso patrimonio cultural absoluto. É un feito realizado totalmente con conciencia e alevosía, non estamos tan só ante un problema de vandalismo senón ante unha falta de educación e respecto importante. Este tipo de accións son as que provocan que despois se miren con recelo a posta en valor destes elementos culturais ante posibles actos vandálicos» acrecenta Benito Vilas, arqueólogo da cooperativa Árbore, responsable do proxecto de restauración.