O delegado, o xefe territorial e a alcaldesa de Marín no Ceip Sequelo de Marín.

O proxecto, cun investimento de 850.000 euros, incluíu o cambio da envolvente, a renovación dos illamentos, a substitución das carpintarías exteriores, melloras nas fiestras e teitos, o pintado completo do inmoble e a dotación de luminarias Led

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de rematar as obras de modernización e de rehabilitación integral e enerxética do Centro de Educación Primaria (CEP) Sequelo de Marín cun investimento de 825.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mediodía o colexio na xornada de vésperas do comezo do curso escolar 2022/2023, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, para supervisar esta actuación e, no seu percorrido, destacou o esforzo do Goberno galego sacando adiante a obra neste centro marinense malia a crise de subministros despois de que, hai xusto un ano, se procedera á licitación dos traballos.

A rehabilitación integral do CEP Sequelo centrouse principalmente na mellora da eficiencia enerxética e da confortabilidade do inmoble, que conta con máis de 2.500 m² de superficie útil. Así, efectuouse un cambio completo da envolvente para incrementar a sensación térmica, a renovación dos illamentos das fachadas, a substitución de todas as carpintarías exteriores, a dotación de falsos teitos, a motorización das fiestras, o cambio das portas deterioradas, o acondicionamento dos armarios, o pintado xeral de todo o edificio e a instalación de novas luminarias, de tecnoloxía Led, con sistemas de detección de presenza para favorecer a eficiencia e o aforro.

Luis López lembrou que este centro xa recibira diversos investimentos, por uns 100.000 euros, ao longo dos anos anteriores para melloras nas carpintarías, sistemas eléctricos ou a calefacción, entre outras obras, pero facíase preciso unha actuación integral como a executada e que se enmarca no proceso de modernización de diversos centros públicos do municipio morracense de cara ao curso académico que comeza mañá en toda Galicia.

Así, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades adicou case 1,6 millóns de euros a obras en Marín ao longo do último ano e, principalmente, neste verán, xa que tamén renovou as carpintarías exteriores do IES Chan do Monte por 256.000 euros, as cubertas do CEIP do Carballal por 365.000 euros e as luminarias do IES Mestre Landín por 65.000 euros.

“Este verán dende a Xunta de Galicia acometemos máis de 350 obras nos centros educativos públicos da nosa comunidade cun investimento de case 64 millóns de euros, o que supón unha cifra histórica e amosa o noso compromiso co ensino, pero é que ademais implementamos medidas sociais no eido educativo, como o incremento do 50% en axudas para libros e material, a gratuidade do transporte ou a bonificación de comedores que permitirán que as familias aforren este ano ata 107 millóns de euros nun contexto difícil pola elevada inflación”, sinalou o representante autonómico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *