A nosa vila ten un patrimonio arqueolóxico envexable e moi rico, que desde o Goberno local se traballa para poñer en valor a través do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico de Marín, un instrumento a través do cal se creará, tal e como expuxeron a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e o arqueólogo Juan Castro, unha nova ruta: A Ruta das Mámoas de Marín.
Este roteiro terá como protagonista a un dos recursos arqueolóxicos máis importantes de Marín e sen dúbida o máis importante da parroquia de Santomé: as mámoas. Son tumbas neolíticas, as dos primeiros agricultores do noroeste peninsular, que se construíron e usaron entre hai 6.500 e 4.000 anos. Entre as que se poderán visitar están algunhas das máis coñecidas de Galicia, como Pedralonga e Chan de Armada 1.
O sendeiro será lineal e terá unha lonxitude de 3 quilómetros, entre o Lago Castiñeiras e o parque forestal de Lagocheiras. Neste percorrido se poden visitar ata 13 mámoas, todas no monte común de Santomé de Piñeiro excepto dúas situadas no concello de Vilaboa pero ao pé da senda, na necrópole de Outeiro de Ombra. Dende Lagocheiras se poderá ampliar o percorrido 750 m. para visitar a mámoa de Chan de Xaxán.
A senda terá dúas “portas” de entrada, podéndose iniciar por calquera delas; unha en cada extremo, sendo de ida e volta, polo tanto 6 quilómetros ou 7,5 para quen tamén se achegue a coñecer a mámoa de Xaxán. Trátase dun trazado de baixa dificultade, accesible a practicamente todo tipo de persoas, debido ás pendentes suaves e á súa curta lonxitude.
Estará equipada con sinalización e paneis interpretativos, que tratarán distintos temas que permitirán ao visitante saber que son e como se fixeron estas tumbas, e tamén coñecer distintos aspectos da vida dos seus construtores.
O proxecto, tal e como explicou a edil, “acaba de contratarse. Agora, están coa súa redacción para así poder xa iniciar os traballos de execución, para os que non será preciso ningunha excavación, pero si se precisa igualmente solicitar todas as autorizacións pertinentes”.