Ten coma obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral e axudar a previr esta discapacidade

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Moaña pola man da colaboración entre o concello pontevedrés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Moaña: a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, ALENTO.

As charlas terán lugar dende hoxe, día 22 de novembro, ás 18:00, en Meira, no Club Santa Eulalia de Meira (Local Multiusos); o día 26 de novembro ás 18:00, no Club Pensionistas O Carme de Moaña e o 29 de novembro ás 18:00, no Club San Pedro de Domaio ( Local Multiusos Domaio Porto). Toda persoa que estea interesada en asistir pode inscribirse chamando ao 986 31 01 00.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Moaña e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *