Presentación do proxecto aos veciños de Beluso.

O proxecto de reforma conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, e buscará solucionar os problemas existentes ademais de propoñer actuacións que converterán esta instalación nun referente

O goberno local de Bueu presentou entre a veciñanza e colectivos o que proxecto da que será a próxima reforma do Pavillón Municipal de Beluso, unha actuación valorada en 1,5 millóns de euros coa que se solucionarán os problemas que a instalación deportiva arrastra dende hai tempo, pero que tamén suporán aplicar conceptos adaptados aos tempos que vivimos, como a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade ou a habitabilidade.

O acto tivo lugar o pasado venres, 23 de decembro, no mesmo pavillón e nel estiveron Félix Juncal, alcalde da vila, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e outros edís do goberno bueués, ademais do equipo técnico redactor da proposta. Precisamente, tal e como explicaron, o proxecto do pavillón de Beluso partía nun primeiro momento, dunha reforma para dar solución ás deficiencias ocasionadas pola humidade que persiste nos vestiarios e polas filtracións que se producen coas choivas a través da cuberta. Xa foi nese momento cando se presentaron as primeiras ideas aos clubes e entidades locais e abriuse un proceso de participación no que cada un deles mostrou outras necesidades.

Esta primeira idea de actuación converteuse así nun proxecto de reforma integral, no que ademais de dar solución ás deficiencias causadas pola auga, se consegue unha mellora da eficiencia enerxética, da sustentabilidade ambiental, da accesibilidade e da habitabilidade. Desta maneira, ábrense varios ventanais para dotar de luz natural á pista, instálase unha nova fachada ventilada con illamento térmico, mellórase o illamento e a impermeabilización da cuberta levando a auga cara ao exterior, fórranse as paredes interiores con paneis acústicos, faise unha instalación na cuberta con paneis fotovoltaicos e renóvanse todas as instalacións do edificio por unhas de alta eficiencia enerxética. «Destacamos que coas novas instalacións tamén se vai facer unha reutilización das augas grises para o uso dos inodoros, da limpeza ou do rego do parque que hai na mesma parcela», avanzan dende o equipo técnico.

Así mesmo, o proxecto tamén servirá para levar a cabo outras actuacións que teñen que ver coa seguridade, como son a substitución de tódalas varandas que non cumpren coa normativa actual, por exemplo as das gradarías, que se substituirán por vidros que ademais melloran a visibilidade da pista.

Na planta baixa, a nova distribución permitirá ter catro vestiarios de equipo e dous de árbitros, todos eles accesibles para PMR. Na planta alta, situaranse os aseos do público feminino, masculino e PMR; neste último, incorporarase un lavabo para persoas ostomizadas. A pista será dun pavimento deportivo con acabado en madeira para unha maior flexibilidade nas diferentes disciplinas deportivas, xa que este pavimento é o único que permite o seu uso tanto aos deportes de pelota coma aos de patinaxe. Dotarase tamén o pavillón cun vídeo marcador de dez metros cadrados de superficie así como dunha instalación de música e son.

Esta reforma integral permitirá conseguir unha letra A na etiqueta de eficiencia enerxética, sendo esta a máxima posible e dando, desta maneira, o pavillón de Beluso un paso para diante para ser o referente do pobo en canto a este tipo de intervencións.

O Concello de Bueu explorará para acometer esta actuación varias vías de financiamento, como os fondos Next Generation, dentro das axudas do PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos), e tamén se enviará o proxecto á Secretaría Xeral para o Deporte pois, segundo salienta o rexedor, “buscaremos a sinatura dun convenio de colaboración para que Xunta de Galicia cumpra co acordado nas reunións mantidas e por fin se acorde de Bueu”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *