A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Morrazo. Esta actuación da Xunta, que suporá un investimento de máis de 1,3 M€ impulsa a execución de dous aparcadoiros disuasorios ao paso polo concello de Moaña, en Domaio: na contorna da autovía do Morrazo (AG-46) e na estrada autonómica PO-551.

A aprobación definitiva deste proxecto de mellora da mobilidade entre os núcleos da comarca do Morrazo e as áreas de Vigo e de Pontevedra, leva aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dun predio, dunha superficie de 849 m 2 no concello de Moaña. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/JjcHvR

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas das expropiacións necesarias no segundo trimestre deste ano. A licitación das obras será independente para cada un dos dous aparcadoiros e prevese realizar entre finais de febreiro e principios de marzo para poder comezar os traballos no verán. O prazo de execución é de 9 meses.

As intervencións

En concreto, o aparcadoiro da AG-46 en Domaio, executarase nun recheo xa existente no enlace situado no punto quilométrico 3 da autovía do Morrazo e terá unha capacidade para un total de 82 prazas, 3 delas reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, neste novo aparcadoiro disporase unha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único. Ademais, para o acceso ao aparcadoiro remodelarase o enlace da autovía cunha glorieta de tipo circular.

O aparcadoiro que se situará nas proximidade do enlace de Rande proxéctase como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada PO-551, no punto quilométrico 33+250. Contará cun total de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida. Este segundo aparcadoiro contará tamén con carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil.

Estas actuación forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destinará este ano un investimento de 29,3 M€, que inclúe aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas e os investimentos nas estacións intermodais, como a da Coruña, agora mesmo en execución.

A Xunta segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *