O Concello considera importante ter este servizo nun momento no que o tempo mellora e os primeiros bañistas comezan chegar ás praias
A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, informou esta mañá de que se contratará o servizo de balizamento para Aguete, Mogor e Portocelo durante a Semana Santa, coa finalidade de garantir a seguridade dos primeiros bañistas, que aproveitan eses días de vacacións para estar na nosa vila desfrutando do mar.
Esta contratación, que excede á da época estival, suporá unha inversión de cerca de 10.000 euros por parte do Concello, que considera “esencial que en todo momento as nosas praias sexan espazos seguros”. Sobre todo, en momentos nos que crece a afluencia ás mesmas. Ao longo dos próximos meses, tamén se irán sacando adiante os correspondentes concursos e contratacións dos tradicionais servizos dos que se dota ás praias durante o verán.
En xeral, tal e como recordou a concelleira, “temos que coidar das nosas praias, non só dotándoas de servizos que son os que lles valen o recoñecemento de Bandeira Azul, senón tamén manténdoas en condicións de limpeza e respecto medio ambiental”.