Primeiro día de traballo para a nova xerente da Mancomunidade do Morrazo. Alba Álvarez foi recibida hoxe polos máximos representantes dos municipios que compoñen a entidade supramunicipal, Cangas, Moaña e Bueu. A presidenta e rexedora moañesa, Leticia Santos, foi a primeira en darlle benvida.
«Desexarlle que tome as rendas da Mancomunidade porque o que precisamos dela nestes momentos, nos que o contrato coa concesionaria do servizo de lixo (Urbaser) está a piques de terminar, é a parte técnica e se algo ten decidida a xunta de goberno é que non se lle vai a prorrogar a esta empresa polo descontento do servizo», indicou Santos referíndose ás xestións que a Mancomunidade terá que levar adiante a curto prazo para asumir directamente a xestión do servizo de recollida de lixo a partir do 31 de outubro cando termine o contrato con Urbaser. Mentres tanto, este mes, a técnica deberá «empaparse» de como funciona a Mancomunidade e achegar os seus coñecementos para ir avanzando administrativamente na súa posta en funcionamento. En paralelo, traballará noutro dos servizos que ofrece a administración comarcal, a recollida de residuos sólidos urbanos.
Félix Juncal considera que «hoxe arrinca unha nova etapa a Mancomunidade» coa incorporación da nova xerente que permitirá acabar coa «situación precaria» que se está dando no servizo de recollida de lixo dos tres concellos «especialmente nos últimos meses que está a ser lamentable». «Isto ten os seus días contados», advertiu.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Vitoria Portas, púxose ao dispor de Álvarez «para todo o que necesites» porque «é moi importante traballar nun plan de economía circular».
A «protagonista» do acto, Alba Álvarez, asegura que acolle o novo cargo «con moita ilusión e ganas» aínda que recoñece que é un reto «moi complicado».