Visita ao lavadoiro de Soaxe trala rehabilitación.

O Lavadoiro de Soaxe volve estar en condicións de uso tras o remate das obras de rehabilitación integral impulsadas polo Concello de Marín con fondos propios. A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas e Manuel Santos visitaron esta tarde o espazo xunto á veciñanza desta zona de Seixo, que quixo celebrar a recuperación dun lugar cun especial significado para a comunidade.

A actuación dá resposta a unha demanda veciñal trasladada ao Concello mediante unha recollida de sinaturas. Ademais de recuperar o funcionamento do lavadoiro, os traballos permitiron mellorar o seu estado de conservación e a súa imaxe, preservando un elemento do patrimonio local que segue formando parte da vida de Soaxe.

A intervención abordou a rehabilitación da presa que abastece de auga o lavadoiro, necesaria para garantir o seu correcto funcionamento, así como o acondicionamento da estrutura e do vaso.

Os traballos incluíron tamén melloras no ornato e no aspecto xeral do conxunto, co obxectivo de recuperar o espazo de maneira integral e permitir que poida volver empregarse para lavar.

Deste xeito, a rehabilitación conserva a utilidade orixinal do lavadoiro e contribúe á súa posta en valor como parte do patrimonio da parroquia.

Os lavadoiros explican unha parte importante da historia cotiá das parroquias: lugares de traballo compartido que tamén foron escenarios de conversas, relacións e encontros entre xeracións.

No caso de Soaxe, a implicación dos veciños e veciñas na solicitude da obra reflicte a vontade de conservar ese vínculo e manter vivo un lugar que os identifica como comunidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *