Reunión dos hosteleros cos alcaldes de Cangas, Moaña e Bueu como membros da Mancomunidade.

Solicitaron aos tres concellos poñer en marcha medidas, entre elas cursos de formación, para poder atopar profesionais acreditados para o servizo en sala e cociña

Os hostaleiros de Cangas, Moaña e Bueu reuníronse hoxe cos alcaldes dos tres concellos que compoñen a Mancomunidade para pedirlles axuda ante unha carencia que levan padecendo desde fai tempo. «Temos problemas para acceder á contratación de persoas formadas no sector e cada ano é máis complicado. O que queremos é tentar que colaboren en facer algún plan de formación tanto en servizo de sala como cociña que son os postos máis difíciles de ocupar para que non teñamos que estar sempre que contratemos a unha persoa partindo de cero», explicaba o presidente da Asociación de Restauración de Cangas (Areca), Gustavo Soliño. Unha demanda que tamén comparte a Asociación de Hostaleiros de Moaña, representada pola súa presidenta Melania Pena.

Durante a reunión puxéronse sobre a mesa tres liñas de acción que agora os servizo técnicos tratarán de perfilar para dar resposta á problemática exposta hoxe aos rexedores. A vía máis rápida das tres plantexadas sería buscala forma de organizar cursos breves nos que os alumn@s, persoas desempregadas, poidan recibir formación teórica e práctica que lles permita poder acceder a un posto de traballo no sector. Para impartilos pensouse en buscar algunha empresa da comarca que xa conte con titulacións homologadas.

Doutra banda, desde a Mancomunidade enviarase unha carta á Xunta na que se poñerá de manifesto a necesidade expresada hoxe polos dous colectivos e unha posible solución: a ampliación do número de prazas que oferta en Formación Profesional para este tipo de disciplina.

Por último, sobre a mesa púxose a idea de definir programas de emprego por parte de cada un dos concellos que poidan ser aprobados e cofinanciados pola Xunta nos que se inclúa á hostalería como sector demandante de persoal cualificado. Uns «minicursos á carta» dirixidos a persoas desempregadas que queiran integrarse no mercado laborar a través da área da restauración.

A presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, lembra que a formación é unha «competencia exclusiva» da Xunta pero comprométese a traballar nestas propostas para dar resposta ás necesidades expostas polo sector, un dos máis castigados pola pandemia polos continuos peches obrigatorios desde marzo de 2020.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *