Adicam prepara como cada ano un programa de actividades para celebrar o Día Internacional do Cancro de Mama que se desenvolverán ao longo do mes de outubro e algúns días de novembro. Un dos eventos máis importantes será as Xornadas de cancro de mama e xinecolóxico que terá lugar o venres 1 e sábado 2 no salón de actos do Concello de Cangas.
O venres terá unha temática máis de investigación onde se falará sobre o proxecto de investigación do Kalanchoe do que moitas mulleres do Morrazo foron voluntarias durante os anos 2018 con Adicam, mentres que o sábado trataranse temas de gran importancia para pacientes e familiares como a necesidade de ter un oncólogo de referencia con presenza do Dr. Francisco Javier Puente Prieto, xerente de Área Sanitaria de Vigo nunha mesa onde se tratará esta temática xunto cunha oncóloga de Povisa e unha paciente.
«Nosas pacentes demandan que na maioría dos casos véxalles o mesmo oncólogo, cousa que agora non ocorre nin no hospital Álvaro Cunqueiro nin no Chop. As pacientes cada día son vistas por un oncólogo diferente creándose problemas de confianza seguridade e seguimento», reivindican desde Adicam.
Recuperando á normalidade
Outro tema para tratar o sábado é a dor coa anestesia, unha charla impartida polo Dr. Andrea Broullón do hospital Povisa.
Ademáis destas xornadas que xa cumpren a súa XX edición, este ano tratarán de ir recobrando a normalidade e a directiva organizou tamén actos en Vigo, Pontevedra e Cangas. Farán mesas informativas nas rúas e hospitais, actividades para nenos con Anxo Moure e mesmo un concerto desde a Casa da Bola en Cangas o 19 de Outubro con motivo do Día Internacional de Cancro de Mama.
O que si queda pendente de retomar «por responsabilidade» é a gran marcha Fina Acuña que en 2019, último ano que puido celebrarse por culpa da pandemia, concentrou a máis de 4000 participantes. Iso si, novamente convócase a tod@s ao aplauso solidario desde os balcóns decorados o 24 de outubro.