Estado dos baños autolimpiables da praias de Bueu no verán.

“Praias como a de Area de Bon e Lapamá carecen dun servizo digno en pleno mes de xullo, dando unha imaxe nefasta a veciños e turistas”, criticou a voceira popular Elena Estévez

“Estamos a día 6 de xullo e as primeiras imaxes que chegan dos nosos areais son totalmente lamentables”. Con estas palabras definía a voceira popular, Elena Estévez, a situación que se está a vivir a diario nos baños das praias da vila de Bueu, que amosan unha total falta de limpeza, o que, a ollos de Estévez, “demostra que a famosa planificación do goberno local é, coma sempre, unha frase bonita sen ningún tipo de realidade detrás”. E é que “carece de sentido que un servizo que se presta todos e cada un dos anos de verán, non se planifique co suficiente tempo como para non estar xa en plena tempada estival con el sen funcionar”.

Así, Estévez reflexionou sobre o absurdo que supón que “se presuma de ter numerosas bandeiras azuis pero logo non se garanta unhas condicións de salubridade mínima dos baños desas mesmas praias dende mediados de xuño até finais de setembro polo menos, pois non é necesario ter a bandeira izada para que se estea prestando xa un servizo mínimo”. Dese xeito, puxo o foco sobre que “todos os días pasan por eses vestiarios e baños moitas persoas, e nun contexto no que están a aumentar os casos de COVID, o que debe facer o executivo de Juncal é reforzar o servizo, e non renunciar a ter os espazos nunhas condicións mínimas.

Xa que logo, Estévez instou o goberno bipartito a tomar medidas con urxencia, “pois non ten sentido que saiban que non van contratar persoal suficiente para a limpeza dos aseos e que non fagan nada, en vez de contratar a algunha empresa da zona para o mantemento como se fai noutros concellos da contorna”.

Praia da Roiba

Ademais, a voceira local tamén reclamou a limpeza dos arredores da praia da Roiba, que actualmente están moi degradados polo crecemento da vexetación, solicitando que “se destinen recursos a manter en boas condicións todas e cada unha das praias de Bueu”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *