A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 4 de xullo, a sesión plenaria ordinaria, na que se aprobaron de forma unánime de todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE) dúas mocións presentadas polo PP. A primeira delas facía referencia á
transferencia da competencia sobre xestión do dominio público marítimo – terrestre, e a través dela dende o grupo popular pretendíase instar ao goberno central transferirlle o antes posible á Xunta de Galicia a xestión de todas as competencias en materia de dominio público marítimo – terrestre. Segundo se explica no texto da moción, “cómpre lembrar que na franxa do litoral están asentadas preto de 4.000 edificacións de 82 municipios e que en Galicia, ademais, a transferencia da xestión permitiría rematar cos constantes ataques que está recibindo por parte do goberno central o complexo mar – industria galego”.
Ademais, esta necesidade susténtase en que a comunidade e os concellos do litoral son os que dispoñen dun maior grao de coñecemento da realidade do litoral galego e do valor que supón o seu patrimonio. Dende o BNG, o voceiro Xosé Leal, propuxo unha emenda ao texto da moción, coa que se ampliaría o seu contido, e que solicitaba a convocatoria da comisión mixta de transferencias para abordar máis cuestións pendentes. Esta emenda foi aceptada por todos os grupos saíndo a moción adiante por unanimidade.
Consenso houbo tamén na outra, a través da que se insta ao goberno central a ampliar o prazo fixado na Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos para que os municipios de máis de 5.000 habitantes implanten a recollida separada de biorresiduos segundo o estipulado na directiva europea e na Lei de Residuos de Galicia, que fixan a data límite en decembro de 2023. Os populares esgrimen nesta proposta que “a decisión do goberno central o que fai é reducir o prazo para as entidades locais de máis de 5.000 habitantes en 18 meses e darlles só 2 meses tras a entrada en vigor da lei para implantar a recollida separada de biorresiduos”, polo que se trata “ dun período de tempo inasumible para a que a maior parte dos concellos poidan implantar a necesaria recollida separada dos biorresiduos para o seu axeitado tratamento”.
Neste sentido, o voceiro do BNG e tamén edil de medio ambiente, Xosé Leal, interviu para mostrar o apoio á moción, pois “aínda que continuamos espallando o sistema de compostaxe, a recollida selectiva e as campañas de concienciación, non impide que teñamos que alertar ao goberno central das dificultades dos concellos para cumprir con este prazo”.