O vial de Beluso onde construirase unha beirarrúa.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por importe de 327.617 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, en Bueu. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de decembro. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses

A Xunta destinará un investimento total de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios, para a execución da intervención. A previsión é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no ano 2023.

O obxectivo desta actuación é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750. Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paras de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado. Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *