A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o novo centro de día para persoas maiores de Marín situado na primeira planta da antiga Casa do Mar, que abrirá as súas portas despois do verán. Unhas instalacións con 20 prazas dispoñibles de inicio e que poderán incrementarse ata as 40. Segundo anunciou García, este centro entrará a formar parte da Rede Pública Autonómica da Xunta.
Acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, a representante do goberno galego lembrou que a administración autonómica financiou con 250.000 euros para equipamento e reforma do inmoble.
Ademais do centro de día, o Concello de Marín apoia aos maiores coa incorporación en 2021 ao programa Xantar na Casa, encargado de levar a comida os sete días da semana aos seus domicilios aos anciáns e anciás que viven sós. Un servizo que se complementará do 25 ao 27 de abril con podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria para aqueles veciños de maior idade. Na súa visita o pasado mes de xullo atendeu a 70 persoas.