Moaña terá unha actuación do grupo de baile tradicional O Fiadeiro este domingo as 20 horas no parque de San Bartolomeu. Trátase dun concerto celebrado dentro do ciclo de Danza 3 que leva a cabo dentro da programación do Xacobeo 2021-2022 e está incluída na listaxe de actividades do verán Moaña son de Mar.
Os espectáculos presentados por Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos van variando cada ano, ofrecendo tamén formatos máis pequenos e/ou menos estáticos (actuacións de rúa, animación musical itinerante, etc.) que se compaxinan con actuacións de gran formato e maiores necesidades de produción a realizar en teatros ou escenarios de grandes dimensións. O impacto acadado por este ciclo viuse reforzado nos últimos anos tamén a través da súa difusión en redes sociais (á parte das campañas específicas de publicidade realizadas polos concellos e polas institucións), acadando un gran número de público que non deixou de acudir nin por mor das restricións derivadas da complicada situación sanitaria que levamos vivindo desde marzo de 2020.
“Danza 3” é un circuíto coñecido, consolidado e agardado dentro das programacións culturais dos concellos galegos. Neste ano 2021, o ciclo e o traballo das 3 agrupacións cobra un significado aínda máis especial, ó coincidir co 25 aniversario da fundación de O Fiadeiro, co centenario da creación de Cantigas e Agarimos e cos máis de 40 anos de traballo de Xacarandaina, que os convirten en referentes da cultura tradicional galega. A produción destes eventos correrá a cargo das 3 agrupacións en colaboración cos concellos solicitantes, tendo en conta as medidas de seguridade establecidas en cada momento para a xestión da pandemia derivada da propagación da COVID19, estando presentes nesta edición nos concejos de Marín, Cambados, Negreira, Carballiño, Carballo, A Laracha, Ribadeo, Carral, Tui, Vedra, A Guarda entre outros.