A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, visitaron o centro xunto coa dirección e a empresa responsable da actuación para comprobar o avance dos traballos e coordinar a continuidade da obra coa actividade lectiva
As obras de rehabilitación integral do CEIP de Seixo avanzaron durante estes dous meses de verán e afrontan agora unha nova fase coa coordinación entre o Concello de Marín, a dirección do centro e a empresa responsable dos traballos para compatibilizar o desenvolvemento da actuación co inicio do novo curso escolar.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, realizou hoxe unha visita ao centro educativo para comprobar de primeira man a evolución das obras, xunto co equipo directivo do CEIP e representantes da empresa encargada da súa execución.
A visita permitiu facer balance dos traballos desenvolvidos durante o período estival e abordar a planificación dos próximos pasos da actuación, co obxectivo de garantir que a continuidade das obras sexa compatible co normal desenvolvemento da actividade educativa. A actuación, promovida pola Xunta de Galicia cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros, supón unha rehabilitación integral do centro e permitirá mellorar de maneira notable tanto as condicións de confort do alumnado e do profesorado como a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio. O proxecto forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta.
Entre as principais actuacións previstas atópase a renovación completa da cuberta, cunha superficie de 904 metros cadrados, a substitución das 182 ventás e catro portas exteriores por novas carpintarías de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, así como a aplicación de illamento térmico mediante sistema SATE nas fachadas, que abrangue 1.939 metros cadrados.ç
O proxecto contempla tamén unha importante renovación dos espazos interiores, coa instalación de 475 luminarias LED con sistemas de regulación da intensidade e detección de movemento, novos falsos teitos e paneis fonoabsorbentes para mellorar o confort acústico, ademais de actuacións de redistribución dos espazos interiores.
Outro dos elementos destacados da intervención será a instalación dun ascensor, que permitirá eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e mellorar a accesibilidade ás diferentes plantas do edificio. Coordinación co centro para garantir o desenvolvemento do curso
Durante a visita de hoxe, un dos principais asuntos abordados foi precisamente a organización dos traballos a partir do inicio do curso escolar, establecendo a necesaria coordinación entre a empresa, o equipo directivo e as administracións para que a obra poida continuar avanzando ao mesmo tempo que o centro recupera a súa actividade habitual. Neste sentido, o Concello quixo coñecer de primeira man tanto o estado actual dos traballos como a planificación prevista para as próximas semanas, co obxectivo de que a intervención poida desenvolverse coa maior seguridade e normalidade posible para o alumnado e o persoal do centro.
A alcaldesa, María Ramallo, destacou a importancia de que o CEIP de Seixo estea inmerso nunha actuación destas características, que permitirá dar resposta a necesidades históricas do edificio e dotar á comunidade educativa dunhas instalacións “máis modernas, eficientes, accesibles e confortables”.

