Pintura, ilustración, literatura… Poucas son as disciplinas artísticas que non se impartisen ou se promocionasen desde Céltica, a asociación cultural á que se lle adicará o Premio Liberación 2024, tal e como revelou onte a alcaldesa, María Ramallo, na sesión plenaria que tivo lugar ás 20.00 horas. Neste Pleno, o Concello aprobou de xeito definitivo e por unanimidade asumir oficialmente a celebración e organización desta festa, que deriva do Día da Liberación, 4 de abril, cando se conmemora a xesta do corsario Gago de Mendoza e a súa liberación da nosa vila dos franceses capitaneando ás Alarmas do Morrazo.

Ata a presente edición, era a Asociación ADEMAR a encargada de impulsar esta festividade, que decidiu ceder ao Consistorio para que agora sexa quen organice e propoña nomes que poidan ser merecedores do Premio Liberación, que trata de premiar e visibilizar o traballo de persoas e colectivos, así como a súa implicación en ter unha vida máis próspera.

Céltica é un exemplo paradigmático de todo elo. Levan 20 anos traballando por e para a cultura en Marín e formando a centos de rapaces e rapazas na creación plástica, extendéndoa a calquera independentemente das súas posibilidades, apostando por integrar ao municipio na súa actividade e promovendo eventos culturais unidos a datas conmemorativas do calendario municipal, como recentemente fixeron coa exposición pictórica con motivo do 8 de Marzo ou como farán o próximo Día da Poesía, cun recital.

A entrega do Premio será no Museo Torres o propio día 4 de abril, aínda que máis detalles do acto e da propia celebración do Día da Liberación serán comunicados un pouco máis adiante, a falta de pechar algúns detalles na programación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *