A concelleira con Victoria no seu comercio de Marín.

Non hai mellor mestre ca un pai, así que que mellor se é el que nos ensina como exercer unha profesión tan bonita como rexentar un comercio local no propio pobo do que é un. Por iso, o Concello, a través de Marín en Rede, quixo homenaxear por este día, que se celebra mañá, a dous exemplos claros na nosa vila desta situación: Comercial Sarles e Pajarería Evaris, dous comercios locais que conseguiron preservar o seu
legado.

Elisardo leva coa súa tenda aberta máis de 50 anos. Con ubicación en Jaime Janer, 49, Comercial Sarles é un comercio adicado á venda de materiais de construción, baños, azulexos, pavimentos, loza sanitaria… Despois de tanto tempo á fronte e atendendo da mellor das maneiras aos marinenses e visitantes que consumían no
seu establecemento, Elisardo deu un paso a un lado e legou o seu proxecto profesional á súa filla, Victoria, á que hoxe a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, lle entregou a imaxe da campaña de recordo.

No caso da Pajarería Evaris, temos un nome común. Jose Manuel, pai, conseguiu que Jose Manuel, fillo, se sumase ao seu establecemento, que leva máis de 40 anos ofrecendo confianza e excelencia aos seus clientes. Evaris sitúase en Secundino Lorenzo, 29, xunto á Praza de Abastos, e teñen todo o que se precisa para as nosas mascotas: alimentación, complementos hixiénico-sanitarios, accesorios…

Evaris e Sarles, dous exemplos de que non hai nada mellor para celebrar o Día do Pai que amor e comercio local!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *